A AVOA RAFAELA


Tempo, moito tempo, levaba matinando en facer unha árbore xenealóxica familiar; mais, nalgúns casos, a falta de datos e, noutros, a galbana, de marcar día e hora, foron pospoñendo os meus devezos ata estes derradeiros días do ano en curso.

Pescudados pois, algún dos datos precisos, onte á tarde elaborei a árbore de Cecilia, filla única do meu matrimonio con Carmen, conseguindo chegar ata os seus bisavós, tanto por rama materna como paterna... Se ben, pola banda que a min me atañe, podería incluir tamén aos tataravós por parte da miña avoa materna Carmen: Francisco, bo cazador de perdices polos montes de Forcarei e Josefa boa cociñeira de quen miña avoa herdou os dons da arte culinaria. Deles conservo unha fotografía de estudo, ela sentada toda de negro, cunha faldra ata os pés e cunha chambra da mesma cor, o pelo recollido con raia ao lado derito deixanos amosar unha despexada e doce faciana non exenta de certa seriedade; el de pé ao seu carón apoiando unha man na cadeira da dona e lucindo un longo mostacho e perilla, gravata, chaleque e un abrigoso tabardo sen abrochar, cigarro puro na man esquerda, ollos saltaríns; os dous calzan lustrosos zapatos negros; o conxunto presenta unha certa sensación de rixidez, semellando ela mais relaxada ca el, no documento aparentan en torno aos sesenta anos.

Pois ben, durante a elaboración da árbore, decateime da falta de coñecemento que, sobre todo, dos meus avós paternos posúo, máis en concreto do avó José de Castro, ao que non cheguei a coñecer por mor do seu temperán falecemento, e do que pouco máis sei que o seu nome, que era natural do lugar de Follente, parroquia de Santa María de Bémil no Concello de Caldas de Reis, provincia de Pontevedra e que ao parecer coñeceu á miña avoa Rafaela en Bos Aires. Teño entendido que o seu falecemento se produciu sendo meu Pai José un mociño, antes da guerra civil; en todo caso, nin preguntei nin teño constancia de máis datos, nin lembro ninguna conversa de meus pais nin dos tíos ao respecto; durante os anos de xuventude temos o caletre ocupado noutras liortas. Unha mágoa...

Da avoa Rafaela, natural da vila de Aoíz (Navarra), cando menos herdei o nome, aínda que segundo dicían meus país, algo máis... As lembranzas que dela teño correspóndense con algunhas visitas polas festas, algunhas cerimonias, ou algunha pequena estancia (días, nos meses de estío)... Non lembro con exactitude a miña idade no momento en que tivo lugar o seu pasamento, quizais non máis de doce ou trece anos. Pola contra conservo un recordó moi vivo da súa fráxil fisonomía, rasgos tamén moi típicos de meu pai, cara alongada, cabelo branco recollido nunha trenza. Cando pensó nela, acude á miña memoria unha fotografía fixa, sentada debaixo da parra que cubría o curral, ao pé do hórreo, ou nas escadas que conducían ao primeiro andar da vivenda familiar. Non logro ubicala noutra estancia da casa. Falaba sempre en castelán, cousa que me parecía extraordinaria, distintiva da miña primeira lingua materna, aínda que xa por aqueles anos de escola me estaban a convertir en bilingüe. Estamos a falar dos anos cincuenta do século XX e as comunicacións entre a parroquia de Carballedo, no Concello de Cotobade, e Bemil no Concello de Caldas de Reis, -provincia de Pontevedra- afastadas non moito máis de 40 quilómetros, eran difíciles para os medios de que se dispuña por aquel entón.

José e Rafaela tiveron seis fillos: Carmen, Pilar, Rafael, José, María Anxélica e Pura. Aos tres primeiros citados, soamente os cheguei a coñecer por retrato, faleceron en Bos Aires onde repousan os seus restos. María Anxélica, quedou na casa paterna, casou con Argimiro e tiveron catro fillos, os meus curmáns: José, Eleonor, Pilar e Francisco. Pura, logo do matrimonio con José Carril, asentouse en Coaxe, lugar da parroquia de San Pedro de Dimo no Concello pontevedrés de Catoira e foi a máis lonxeva dos irmáns; dous fillos: Enrique e José que foron os continuadores da familia por esa banda.

Da avoa, Rafaela Laurenz Uncite, sinto mágoa por non ter acudido ao seu pobo de nacemento, como citei anteriormente (Aoíz), cando visitei, con Carmen, o mosteiro de Leire do que o separan uns poucos quilómetros, máis non descarto aínda o facelo..., si consultei os apelidos Laurenz e Uncite coincidindo a súa maior profusión a esta provincia Navarra.

Outro día, dedicarei un escrito aos meus avos maternos (Xesús e Carme) cos que convivín moito máis tempo, polo que as vivencias e as lembranzas non teñen parangón coas que posúo da avoa Rafaela.

rafadcg@r.gal

28/12/2019