A BRASILEIRA

Día fermoso en Porto, de onde acabo de regresar para facer noite en Braga. O tempo foi mudando cara un anoitecer anubrado, a temperatura convida a un paseo, que sen présa, na compaña da miña Dona, lévanos dende o Arco da Porta Vella ata a Praza da República. Ceamos, nas Arcadas da Praza. Á saída do restaurante a vista que amosa a Praza é fantástica: Comezara a chover de forma maina, lene, sen vento; o chafariz, en fronte de nós, manaba con variacións de intensidade e forma, nos chorros e na iluminación, lucindo magnífico; máis alá a fachada da igrexa dos Congregados invita a deixar que a ollada contemple, por uns instantes, tan sublime panorama. Unha fotografía deixa constancia deste intre tan singular.

Mentres nos diriximos, ao café, moi preto de onde nos atopamos, descubrimos a unha persoa cega que, facendo uso do seu bastón, trata de liberarse dunha maraña de obstáculos: bancos de pedra, soportes para bicicletas e unhas mesas e cadeiras de terraza sen recoller... que lle impiden que poida seguir o seu camiño ao longo da rúa, facendo que se enrede neles. Axúdoo, sen máis que coa fala e contesta dicindo: É vostede español, Eu, traballei vinte anos alá, obrigado. Logo seguiu a súa marcha, agradecido, dando bastonadas. Mais, Eu quedo pensando: como non podendo ver o marabilloso espectáculo das fontes, si detectou rapidamente o acento español! Camiñamos matinando na importancia dos sentidos e, en particular, da cegueira. Lémbrome de Castelao que tanto levou este tema aos seus traballos.

Entramos no Café, pedimos dous con leite; As bolsiñas do azucre rezan: "O mellor café é o da Brasileira (dende 1907)". Declaro que se respira un certo encanto que nos transporta a outras épocas. Este local dá a dúas rúas: As mesas circulares con tapa de vidro, sobre pé metálico, deixan á vista o mesmo dicir, acompáñanse de cadeiras de madeira forradas en coiro, cunha inscripción metálica no seu respaldo onde se amosan enlazados un A e un B. O local rodeado de ferro e vidro, con numerosas portas ao exterior, presenta unha bancada, en coiro negro, toda corrida polo interior e con grandes espellos; o teito con escaiolas rectangulares, con catro luces cada unha e decorados en verde e ouro; as columnas en branco presentan a unha determinada altura símbolos tamén dourados representando distintos motivos; ao fondo a área de servizo, onde un único empregado uniformado fai os pedidos a unha señora que nese intre os atende. Aquí non existe servizo de barra e detrás deste mostrador, sobre a parede, en grandes letras, o lema da casa: O MELLOR CAFÉ É O DA BRASILEIRA.

Todo ao redor a terraza, hoxe baleira, con cadeiras e mesas metálicas e grandes farois semiesféricos, en ferro, que combinan en deseño e materiais cos enormes vans existentes.

Aquí tomo unhas pequenas notas mentres comento, con Carmen, as incidencias do día e o apracible ambiente que nos acompaña, repousado e silandeiro, en contraste co bulicio atronador doutros establecementos do mesmo ramo. Albisco dende a nosa fiestra como segue poallando e algúns transeuntes cruzan a bo paso, sen deterse nos escaparates, cos paraugas abertos, ou gorécense nos soportais de en fronte.

Xa quedan poucos cafés, que poidan comunicar algo, a gran maioría das cafetarías de hoxe son clónicas, quizais estas que permanecen no tempo, aporten algo, aínda que soamente sexa nostalxia...

Comecei dicindo que regresabamos a pernoctar a Bracara Augusta, logo dun día en Porto, onde tomamos café na Rúa Santa Caterina, noutro establecemento con encanto, "O Majestic", totalmente abarrotado e do que farei acordanza noutro intre.

En fin, un día ledo, con moitas lembranzas e con vivencias, nas orelas do Douro, inesquecibles.

14/10/2016

rafadcg@r.gal