A CASA DA SOCIEDADE

Onte, con motivo dunha misa funeral, á que asistín en San Miguel de Carballedo, parroquia natal miña, no intre da homilía reparei nalgunhas das imaxes que presiden os distintos altares, e dende a miña ubicación no cruceiro, albisquei á miña esquerda a imaxe de San Isidro Labrador conducindo a xugada que arrastra o arado... de contado, lembrei o 15 de maio, a súa veneración como patrono de Madrid, a festa relixiosa que se facía nesta miña parroquia, e como en día tal, a imaxe que se custodiaba, na por aquel entón, Irmandade de Labradores e Gandeiros de Cotobade, sita en Carballedo, saía en procesión. Tamén lembro algún anos de festa pagana, con verbena, na que os gastos corrían por conta da Irmandade...

Nun plis-plas, engánchome de novo a homilía... mais, hoxe unhas horas despois, acode ao meu maxín a casa onde por aquel entón se ubicaba a Irmandade, fronte por fronte coa Casa do Emigrante, do outro lado da estrada que bordea o campo de fútbol e no comezo do camiño ao cemiterio á man dereita. Este era un dos puntos de atención dos rapaces da Escola Parroquial, sita nesta Casa do Emigrante, pois de alí, saía o mestre e era un dos sinais para arremuiñarnos na entrada agardando a súa chegada. Logo da sesión de tarde na escola, asistiamos Jorge Cubela e máis Eu a unhas sesión de estudo, neste local da Irmandade, preparatorias para o Ingreso no Bacharelato, mentres o Mestre despachaba co Auxiliar os temas propios da Irmandade.

A Casa, próxima a un pombal, hoxe sen pombas, estaba dividida por un tabique, que separaba a oficina da Irmandade, do Centro veterinario. Mais, sempre me chamaba a atención que meu avó, Xesús, a denominaba a Casa da Sociedade, e creo lembrar, que unha placa de pedra moi borrosa así o dicía. Estas Casas de Sociedade agrarias e gandeiras abarcaban o ámbito parroquial e nacen nos primeiros anos do século XX, acadando o maior desenrolo e prosperidade en tempos da Répública. Entre os seus obxectivos:

-Dar a coñecer os novos apeiros e técnicas agrarias.

-A loita contra os foros.

-A mellora de sementes e razas, camiños e estradas, presas de auga para o regadío e fontes.

-Seguros para desgrazas gandeiras e acordos en litixios sen ter que pasar pola vía xudicial, tan funestos para a economía. Puntos estes que contribuíron a que moitos se asociaran.

-Tamén contribuían ao ensino con premios e escolas nocturnas, lecturas de xornais, fomentando actos culturais e lúdicos, así como bailes que contribuían a relacionarse con outras parroquias.

O levantamento militar de 1936 e a Guerra Civil, varreron estas Socidades.

As Irmandades Sindicais de Labradores e Gandeiros, xorden ao amparo do Fuero do Traballo, en plena Dictadura, alá polos anos corenta do S. XX, desaparecendo nos anos oitenta para transformarse en Cámaras Agrarias. Unhas e outras tiñan un ámbito de actuación municipal.

Durante anos, lembro a organización da Festa de San Isidro, antes mentada, saíndo a imaxe en procesión e nalgunha ocasión, con festa nocturna. Logo a imaxe regresaba á Cámara Agraria. Supoño que coa súa desaparición foi doada á Igrexa, que a custodia...

Así foi aclarado o dilema de como algúns coñecían esta casa como: Casa da Sociedade e outros a nomeaban polo desempeño que exercía cando Eu era neno, Irmandade.

Anos máis tarde, construíron na Chan, perto do Novo Concello, onde estivo ata a súa desaparición, un edificio novo, hoxe aproveitado para multiusos.

Por certo, a Casa da Sociedade está, a día de hoxe, facendo as función de vivenda. Sería preciso, que tamén os abandonados Grupos Escolares, que perderon a súa última función de Centro de Saúde, non se perdan de vez, e se lles asigne algún cometido. Abandonada case na súa totalidade a agricultura, baleiras as casas de gando... agora que se está a falar tanto da España baleirada, ou se encamiñan os pasos por parte das políticas noutros sentidos ou decontado se falará das desertas parroquias que agochan importantes edificios civís e relixiosos. Agardar sen facer nada, políticos!... é unha morte anunciada.

rafadcg@r.gal

11/01/2019