A MOUTA

Coa chegada do bo tempo acostuman a poboarse os bancos, sitos na traseira dos xulgados, aquí en Marín, con grupos de persoas, que alí á sombra dos plataneiros, pasan unhas horas de lecer, formando faladoiro, no que se poden escoitar as máis variadas opinións, contos, anécdotas, historias..., case sempre referentes a tempos pasados e que en días calorosos se alongan ata ben entrada a noite, tratando de mitigar a calor e, sobre todo, facendo acordanza doutros tempos que xa non volverán.

Hai anos que, aínda que vivo e paseo por esa zona, non me deteño como en tempos pasados a seguir o fío das conversas pero, si lembro relatos, que alí escoitei, da boca de moitos que sen case darnos conta, xa non están; toda esa zona, coñecida, polos nativos como "A Mouta", noutros tempos lindeira co mar e hoxe, como consecuencia dos recheos algo máis afastasda del e ocupada por edificios como: O Concello, os Xulgados, A Comandancia de Mariña, a Biblioteca pública..., foron noutro tempo campo de xogos. Así nolo lembra una estatua que representa a dous cativos que como compañeiros portan, con vestimenta propia da época, un deles un libro e o outro un balón.

Onte pola tarde, ao pasar polos bancos, baleiros nese intre, senteime, nin máis nin menos, que o tempo que a paciencia de Cecilia, a miña filla mo permitiu, antes de seguir camiño e alí entre o rechouchío e a inquedanza do ir e vir dos pardais que pasan a noite nesas árbores, acudiu ao meu maxín o efémero da vida humana, a lembranza desas xuntanzas e evoquei, nun abrir e cerrar de ollos algún nomes do pasado que xa non poden sentarse aquí: Ramonita (moi contadora, de cousas do pobo de quen oín: Vas a Marín? Preguntando a alguén que pasaba ou se detiña un intre a dar una leria, isto ocorría, para sorpresa miña, a pesar de que a actual casa Consistorial está a cincuenta metros..., con frases como esa comecei a volorar moito máis os topónimos e fixen acordanza de moitos que se están a perder: nomes de leiras cos que arramplou a concentración parcelaria pasaron dun topónimo con significación propia a ser : (polígono sete, parcela catro), totalmente sen significado, mais este apartado da toponimia é merecente dun escrito propio; Andrés, Isolina, o Sr. Juan, sempre pronto a facilitarnos un cartón que protexera as nosas cueiras da ferruxe, ou da humidade, dos bancos de ferro, en fin, como dixen algúns exemplos das moitas persoas que foron e que xa non son...

Perdemos, nos últimos anos, a habitude de tal faladoiro, mais cando paso e algún grupo esta formando xuntanza, recordo con agarimo os tempos nos que asistiamos e tamén épocas moito máis distantes da neneza, cando na miña aldea, se producían na praza do pobo, preto da fonte á sombra, tendo lugar despois da sesta e antes de incorporarse os labores agrícolas ou gandeiros propios, aos que se ía máis pola fresca neses meses do estío, traballos agrícolas de tarde: decruar, arrendar, botar a ferraia, rarear o cereal para os de máis idade e encargarse do gando para os máis novos... Estas xuntanzas de asueto, que tamén valían para comentar problemas relativos á pequena comunidade e que axudaban, creo eu, en moito a xerar lazos de solidariedade, amizade..., entre a veciñanza, son hoxe pouco frecuentes.

Outras tecnoloxías, a présa coa que todos nos movemos, diferentes formas de relación entre as comunidades, os vehículos e a velocidade, as redes sociais, a televisión... fan que as nosas estruturas mudaran: Para mellor? Para peor? En todo caso son diferentes e poucas máis veces escoitaremos que estando na Mouta, alguén nos conteste que vai a Marín.


rafadcg@r.gal

18/04/2018