A PARRALA

Coñecín, dende os meus anos de neno é ata a miña mocidade en que el faleceu, a un veciño, canteiro, moi servizal, disposto sempre a axudar ante o mínimo contratempo particular, ou presto a tocar o corno se era preciso xuntar á veciñanza ante calquera evento que afectara á comunidade, home sen fillos, casado con Risaura, -si, así se chamaba a súa muller-, nunca atopei a ninguén máis que se nomease así, moi dicidor e amigo de contar historias e narrar feitos de tempos pasados. Pois ben, cando comezaba un relato case sempre o encabezaba cun dito que recordo coma se o estivese a dicir agora mesmo: " Un caso é dicilo e outro caso é velo/a... "

Pois, á Parrala, nome dunha inesquecible cadela, deses meus primeiros anos de cazador, tamén o Sr. Fraguas lle aplicou o dito en máis dunha ocasión: "Un caso é dicilo e outro caso e vela, se non é coma unha cristiá, fóra a alma", facendo referencia á súa intelixencia, docilidade, óptimo olfacto, tenacidade e tranquilidade, soamente alterada esta pola presenza dun rastro de coenllo, nas nosas saídas cinexéticas. Algo esaxeraba o Sr. Manuel con tal afirmación, mais a cadela foi algo excepcional. Posuía ese "algo" que converte a un en mito, en lenda, como a lenda da cantadora de flamenco, Dolores Parrales Moreno, -A PARRALA- de quen recibiu o nome cando, meu pai Xosé, a trouxo á casa a finais dos anos sesenta do pasado século. Deixarei dito que estaba moi en voga poñerlle nomes aos cans de artistas, cantantes, políticos, deportistas etc. Por citar algúns, lémbrome de: Gilda, Pelé, Chendo, Nixón, Masiel, Nei...

A nosa Parrala viviu a chegada do primeiro coche á casa, a principios dos setenta, -un seat 600, apelidado PO-82651- que como é sabido carecía de maleteiro e cando nos desprazabamos nel para achegarnos ao monte a cazar, ela viaxaba enroscada debaixo das pernas do acompañante sen molestar o máis mínimo e soportando grandes distancias. Nunha ocasión, viaxou ata Ferrol, onde eu facía o servizo militar, quedamos na Praza de España e alí diante da ecuestre estatua do Dictador, só tiven que chamala polo nome, saltou do coche, e agatuñando por min arriba toleaba de ledicia; hai que ver como me recoñeceu a pesar do meu disfrace de cabo de artillería ... "Un caso é dicilo e outro caso é vela".

Morreu de vella, hoxe acoden á miña memoria estas lembranzas no intre en que tropezo, nun vello Álbum fotográfico, cun retrato, en branco e negro, no que aparece deitada, na Eira de Abaixo, a carón do hórreo da casa familiar facendo compaña a meu pai que, coa súa inseparable boina, semella moi feliz na compaña da "Nosa Parrala".

rafadcg@r.gal

12/12/2016