Á SOMBRA DUN AMENEIRO

Eu ben vin estar o moucho

na punta dun ameneiro,

coa subela na man

aprendendo a zapateiro.

                                                                                                          (Mari Cruz Martínez)

Hoxe, leo no xornal a nova de que comezaron a instalarse en Cotorredondo os novos asadeiros, neste espazo de lecer que circunda á Lagoa, e, decontado, recordo a miña última tarde alí.

Neste paraíso botánico, que é a contorna da Lagoa de Castiñeiras, merendo esta espléndida tarde do mes de san Xoán, con Carmen e con Cecilia, gorecidos pola sombra dun ameneiro. Esta árbore, coñecida tamén cos nomes de amieiro ou abeneiro, de toro esvelto, casca parda agrisada e lisa, madeira dura, clara e lixeira, doada de traballar e que foi moi apreciada, require de terreos permanentemente húmidos, de aí que sexan aquí abundantes e se atopen no lugar idóneo para o seu desenvolvemento.

Os arredores da lagoa, coa súa área recreativa, foi un dos lugares, que asiduamente visitei, sobre todo, nos veráns. Agora levaba tempo sen ascender, quizais influenciado polas conversas que falaban do seu deterioro, sumado á prohibición de facer fogo nos asadores arrasados e faltos de grella. Mais, a pesar destas carencias segue a ser un lugar privilexiado e atractivo, cun encanto especial: a lagoa cos seus parrulos, achegándose aos visitantes que lle guindan algunhas migallas e competindo coas gaivotas polo sustento, o cuco que escoito, pero que non son capaz de albiscar, o rechouchío de moitos e variados paxaros, a paz que se sente, o croar incesante das ras, a mesta variedade arbórea...

Continuamos, un bo cacho de parola, gozando, baixo a súa sombra, da merenda e do sosego que nos acolle, nesta mesa de pedra. Lémbrome dos paus de zoco, que nos anos da infancia nos facía, o pai Xosé, desta madeira.Tamén percorre o meu caletre, outro dos seus usos, moi útil para eixes de carro. Ambas aportacións case en extinción na actualidade.

Na auga da Lagoa continúa a actividade, polo sendeiro que a abeira, pasa, de cando en vez, algún camiñante, tamén algún ciclista rompe a monotonía, mentres nas inmediacións, unha parella de namorados, sentados na herba, prodigábanse aloumiños, o cuco indiferente segue a cucar. En fronte, ao aparcadoiro, chega, a cada pouco, un vehículo, mais todo isto moi afastado da frenética actividade doutras tardes de primavera ou verán.

De seguido, ao remate da merenda, camiñamos polo carreiro, en paralelo coa orela, pola renovada senda. Tamén puiden comprobar a reparación dalgúns pasadizos. O paseo moi pracenteiro en tan agradable día; pero observei que algunhas cousas precisan de arranxo e limpeza, para devolverlle o seu apoxeo: a cerca de madeira, que percorre os distintos recintos, atópase rota nalgunhas zonas, permitindo que greas de cabalos invadan o espazo que non lle é propio; o rotulado de árbores e arbustos precisa dunha renovación para que tal riqueza vexetal (ensine, ilustre, asesore e dea prestixio e visibilidade a lugar tan privilexiado); ademais do arranxo, dos recentes e xa deteriorados retretes -froito dos actos de vandalismo- que están completamente arrasados, deberíanse de potenciar as visitas á "Mámoa do Rei", na Chan de Castiñeiras, agora limpa, en bo estado de conservación e con sinalización adecuada. Como complemento, deberíanse de recuperar as visitas ao, próximo, mirador de Cotorredondo, ao que en tal día acudín e que atopei cerrado, con síntomas de abandono, que proporciona unhas espectaculares vistas sobre a enseada da illa de San Simón, na Ría de Vigo por unha banda e á Ría de Marín pola outra. Aproveitando, se a visibilidade do día o permite, alongar a ollada ata máis alá da Ría de Arousa e case poder albiscar a, colosal, moi paseada e mal tratada, estatua de Valle Inclán, na ladeira da Curota, coa ollada moi atenta ao seu pobo natal (Vilanova de Arousa) e un pouco sorprendido pola gran ponte que agora a une á Illa, pero que propiciou, de xeito paradoxal, a súa separación.

Non podo manifestarme, ao descoñecer as causas, sobre a perda do Centro de Recuperación de Aves, anunciado o seu traslado a Carballedo (Cerdedo-Cotobade) e descoñezo se segue en funcionamento a Aula de Natureza, á que acudín en diversas ocasións con grupos de escolares, parecéndome que cumpría unha importante achega cultural.

En todo caso, a nova coa que dei comezo, e que me impulsou a contar a miña última visita, abre unha regaña de esperanza para que tan extraordinario sitio siga servindo de lugar de ocio e lecer á veciñanza dos diferentes Concellos que o arrodean e para forasteiros que compartan con nós tales belezas.

Eu ao moucho non o vin

na punta do ameneiro,

o moucho sae de noite

Eu, descanso no poleiro.


rafadcg@r.gal

4/08/2017