A VODA

A comezos do verán de 1982, coincidindo co Campionato Mundial de fútbol celebrado en España, Eu, Rafael de Castro García, empecei unha relación con Carmen, María del Carmen García Vidal, que continúa a día de hoxe. Fomos noivos ata o 23 de decembro de 1983 e matrimonio dende esa data.

A cerimonia relixiosa tivo lugar, ás dezasete horas do mentado día, na Igrexa parroquial de "A Virxe do Camiño", en Pontevedra, freguesía á que pertencía Carmen por vivir nesa parroquia nese intre; se ben é natural da parroquia de San Lourenzo de Fornelos de Montes, provincia de Pontevedra. O meu expediente foi aportado pola freguesía de San Miguel de Carballedo (Cotobade), onde nacín, aínda que, xa levaba case unha década residindo en Marín, por motivos de traballo.

Lembro, esa tarde, do mes de Nadal, cunha forte borrasca, lóstregos, tronos e moita auga, véspera da Noiteboa, como un dos días máis importantes e ditosos da miña vida.

Carmen achegouse ao altar do brazo de seu Pai, como padriño, Benito García Freaza; Eu fíxeno acompañado de miña Nai, Olga García Andión, como madriña. Deixou constancia de tal evento a irmá benxamina de Carmen, Salud, que oficiou como retratista, ademais de ler unha das lecturas da Misa que acompañou ao sacramento do Matrimonio.

Rematada a cerimonia relixiosa, asinamos en presencia do crego oficiante, xunto cos padriños, e coas outras testemuñas, os documentos matrimoniais e saímos do templo, fóra agardaban os acompañantes que nos recibiron coa regulamentaria choiva de arroz e cos parabéns; logo de departir cos asistentes realizamos na escalinata da Igrexa diversos retratos, que puxeron fin ao acto, con familiares e con amigos que quixeron acompañarnos nesta tarde: Victoria con dous sobriños, Mila, Rosa, María José e Luís, Enma, Dolores e Chasco con Pauliña, Peregrino.

De seguido, na vivenda da familia de Carmen, na Rúa Eiriña nº 1 - 1º B, moi preto da Igrexa, unha merenda-cea con ambas familias: Pais, irmáns cos seus respectivos cónxuxes e sobriños, puxo fin a data tan sinalada. Aí comezaba unha nova etapa, o principio dunha nova familia, cunha historia que segue a escribirse a día de hoxe, na mesma vivenda que nos acolleu en Concepción Arenal 42 -2º B en Marín - Pontevedra.

15/03/2022

rafadcg@r.gal