ACTO CENTRAL L. GALEGAS 2024


 17/05/2024

LUISA VILLALTA GÓMEZ

1957- 2004Acto Central

A RAG celebra no Teatro Rosalía de Castro (A Coruña), cidade na que naceu e viviu a homenaxeada, a sesión extraordinaria do Día das Letras Galegas 2024. É a sexta muller a quen se dedicaron unhas Letras Galegas no transcurso destes seseta e un anos de Letras: Rosalía de Castro, Francisca Herrera, María Mouriño, María Victoria Moreno, Xela Arias e Luisa Villalta, son as súas antecesoras.

Escoito a voz

que me silencia

comezo a expresar

o necesario.

Luisa Villalta

Abriu o Presidente da Academia o acto, pedindo a Margarita Ledo Andión (Secretaria) que dera lectura ao acordo no que se aprobou dedicar o día das Letras 2024 a Luisa Villalta Gómez.

Deu comezo o acto coa interpretación musical da violinista Kiyoko Ohashi do presto da Sonata nº 1 para violín en sol menor de Johann Sebastian Bach, autor de preferencia da homenaxeada e instrumento por ela tanxido.

De seguido tomou a palabra a Académica Ana Romaní quen fixo un repaso pola súa obra: -Música reservada, -A palabra silenciada, -Papagaio, etc.

A segunda intervención estivo a cargo de Margarita Ledo Andión, quen centrou a súa intervención na frase: "Pensar Galicia, soñar Galicia" na que fixo unha análise da visión que tiña a homenaxeada da cultura galega e que situou como unha das figuras máis representativas de Galicia de finais do século XX.

Cerrou estas intervencións o Académico Euloxio Rodríguez Ruibal, quen comentou e analizou a dramaturxia de Luisa.

Tomou de novo a palabra o Presidente da Academia, deu as grazas polas disertacións aos Académicos. Agradeceu ao Presidente da Xunta de Galicia, as demais autoridades presentes e aos familiares da homenaxeada, así como ao público asistente que fan do 17 do maio o Día da Festa Nacional da Lingua. Salientou o compromiso da autora coa Lingua e puxo en valor os pasos que o galego deu desde os seus anos de nenez ata hoxe. Pero... alertou a continuación, da preocupación que sente polo seu porvir, advertindo que sería mala cousa mirar para outro lado. Propuxo, debido a esta situación da Lingua que debiamos falar dun gran pacto a favor da Lingua Galega. Hai que pensar no idioma e no seu porvir, ou avanzamos ou retrocedemos, non hai posicións intermedias; hai que deseñar un novo horizonte escoitando a todos os que teñan algo que aportar. A Academia préstase para que todos os Axentes Sociais debatan sobre o compromiso coa Lingua Galega.

Puxo fin a este solemne acto a interpretación do himno galego na voz de Estíbaliz Espinosa e a música do violín tanguido por Kiyoko Ohashi.

17/05/2024

rafadcg@r.gal