ANDAINA EN MAÑÁ DE MAIO

Cunha fresca brisa mareira, que mitiga as calores que nos están acompañando neste segundo terzo do mes de maio, encamíñome cara o Paseo Antonio Blanco, un dos dous únicos lugares que sen saír da zona urbana nos permiten gozar do mar e de todo o que el, aos sentidos, ofrece. Para poder acceder, fágoo por unha beirarrúa que se estende paralelamente ao alto cerrume de columnas petreas e reixas de ferro que afastan a Escola Naval Militar dun aparcadoiro de vehículos en superficie, hoxe día de mercado ateigado, e dunha vía de entrada e saída que conduce ao interior do porto comercial, espazo tamén repleto de contedores e outros materiais agardando para embarcar e que fan inútil calquera esforzo por avistar o azul das augas. Unha vez acadado o final do estacionamento, e, deixando á miña esquerda o cercado da Base Militar que continua ata o mar, atraveso pola boca dun pequeno peirao en rampla, acubillo de cativas embarcacións, para dirixirme, por un angosto paso, ao xeito dun funil, ao comezo do Paseo marítimo, onde unha placa en pedra co escudo do Municipio danos a coñecer o nome co que foi bautizado: Paseo Alcalde Antonio Blanco, 13/12/2003.

Este espigón aberto ao mar, pola nosa esquerda, cercado, para protexer de caídas, con labrados bloques de granito arredondados e conectados por grosas cadeas de ferro, preséntase estruturado en tres zonas: A mais afastada do mar, cerrada cun muro de pedra sobre o que se ergue un cerca metálica, alberga ao seu carón un carril para bicicletas; A parte central vaise alternando con xardíns elevados arrodeados de bancos de pedra, un restaurante case sempre pechado, espazos para enredo dos mais pequenos, dúas fileiras de palmeiras non moi desenvolvidas, farois e algunhas papeleiras; O terceiro espazo, propiamente de paseo e algo máis ancho, soamente se ve interrompido, á metade do percorrido, por un monumento, en granito rosa Porriño "Capela Solis" de 1997, de Silverio Rivas construído pola escola de canteiros de Poio, concello de fronte a nós, na outra banda da Ría.

Unha vez que acadei o comezo do paseo, séntome de costas a el, no primeiro xardín elevado, reparo noutra pedra escrita, que nos lembra, xunto ao Alcalde que lle dá nome ao Paseo a outros fusilados en 1936, logo, percorro coa vista todo o recinto da Escola Naval, estes días cunha frenética actividade preparando: O día das forzas armadas 2017, xa próximo, e a visita do Rei Felipe VI o 2 de xuño, con motivo do trescentos aniversario da creacion da Real Compañía de Cadetes. Deixarei aquí dito, que dende 1943, acompáñanos este castrense recinto formador de oficiais, mudando dende entón o porte da Vila. A miña ollada vai deténdose, nas diferentes construcións do espazo militar, fita un intre a izada bandeira e a lembranza trasládame aos primeiros anos da década dos setenta do pasado século, cando escoitaba, no meu rexemento de artillería, no Ferrol, os toques de: diana, retreta ou oración por citar algúns... Unha pequena embarcación militar encamíñase pola tranquila dársena, espértame dos meus recordos e faime mudar a posición para deixarme de fronte ao submarino "Tramontana", xemelgo do "Mistral" que nos visitou hai pouco máis dun ano, e que estes días rende visita e dá escolta ás Instalacións. Camiño logo, paralelo ao mar, deixando á miña esquerda un embarcadeiro pequeno nos que están a durmir amarrados pequechos barcos de recreo e percorro o espigón que se adentra na rada militar para servirlle de abrigo, volvo a sentarme, momento no que unha lancha da Garda civil do mar desatraca para saír a partrullar pola Ría; ao mesmo tempo unha bandada de gaivotas sobrevoa, con moita algarabía, nas inmediacións dunha pequena motora que vai camiño do porto pesqueiro. Desando o molle, crúzome con algúns camiñantes e poño rumbo á punta do paseo, onde se anchea, mais onde se atopa sen acondicionar, agardando que algún político leve adiante algunha brillante idea... O político non aparece, xa pasaron moitos anos e así segue, para sorpresa dos nosos visitantes que contemplan a obra inconclusa e que afea moitísimo este espazo de achegamento de turistas e de veciños ao mar; Se ben, ao menos, serve como punto de xuntanza de pescadores de cana, que de día ou incluso de noite coa axuda duns farois, practican o deporte da pesca deportiva.

Chego ao final, quédome ollando para a outra banda da Ría, albisco o mosteiro mercedario de Poio, arrastro de vagar a vista cara o engaiolante barrio mariñeiro de Combarro coa súa concentración de hórreos preto do mar, e, bate a miña mirada coa imponente, esvelta e repoboada, chea de señorío e fermosura, Illa de Tambo, co seu faro Tenlo, servindo de guía aos navegantes que se adentran nos distintos portos: militar, pesqueiro, comercial ou de recreo. Pois ben, este privilexiado lugar permítenos sentir cerca o mar, dende hai uns anos afastado de nós polo desenrolo do porto comercial, e, poder contemplar a fascinante beleza da Ría sen ter que abandonar o núcleo urbano.

rafadcg@r.gal

25/05/2017