ANINOVO

            Almorzo no salón, na compaña da televisión, este primeiro día do ano 2017, mentres a Filharmónica de Viena principia, baixo a dirección do venezolano Gustavo Dudamel, o tradicional concerto de aninovo, por certo, o director máis novo que, con só trinta e tres anos, accede a dirixir tal evento, facéndoo ademais, grazas a súa prodixiosa memoria, sen que sobre o atril repouse partitura algunha.

Acadamos o descanso, anúnciannos que será de vinte e seis minutos... Sobre a pantalla, recunchos de Viena, costumes, oficios, tradicións etc. da nación austríaca, amosados con música, mais sen voz. Aproveito este receso, para cavilar sobre o fin de ano, en como se celebra a súa despedida en diferentes lugares do mundo e o xeito de ir dando a benvida ao novo ano. Festas, costumes, balance do que remata e proxectos para o entrante, todo un cúmulo de ilusións, devezos, crenzas, mensaxes aos amigos e familiares arelando para eles o mellor, rituais nas diferentes partes do Planeta, que forman parte de cada sociedade e que dalgún xeito axudan á continuidade da vida, pois aínda semellando que son absurdos, agardamos para repetilos cando xa 2017 esmoreza e naza 2018 .

Ergo a ollada sobre o salón no que me atopo. Derriba da mesa, que acolleu a cea familiar de fin de ano, permanecen: doces típicos (turróns, polvoróns, noces, bica de Poboa de Trives, unha botella de viño espumoso, copas, licores...) Costumes dalgunhas casas galegas de non recoller parte da mesa, deixando algo para as ánimas dos familiares falecidos. Aparecen os ritos, as crenzas... Súmome e comparto con Curros Enríquez o remate de "O DIVINO SAINETE":

E Eu, do que vin parvo e mudo,

Dende entón creo... ou non creo...

Pero dubidar, Xa non dubido!

Prosegue o concerto, e mentres se vai debullando esta segunda parte, percorro coa mirada a estancia na que me atopo e co mal oído, que sempre me acompañou, trato de gozar da música. Contemplo a árbore de Nadal, aínda acesa, un piñeiro artificial, co seu arume branco -agora hai árbores de todo tipo e de todas as cores- con bólas vermellas e prateadas penduradas da súa pica, un boneco de neve, unha casa, unha estrela, e no máis alto un anxo, todo colgando da suá frouma. Aos seus pés regalos, galanos que agardan destinatario recubertos con papeis alusivos ao Nadal... Que conterán? Para quen estarán dispostos? Quizais en Reis atopen resposta estas interrogantes. Na TV, colocada sobre un moble de estilo moderno, segue o seu curso o concerto, ao seu carón un sofisticado nacemento composto de tres figuras: O neno, San Xosé e María. Sobre un andel require a miña atención, distraéndome un intre, unha montaxe de retratos agrupados, cos máis novos da familia, e adicada á avoa María, cunha etiqueta que reza, Os teus netos: Verónica, Lisi, Alejandra, Cecilia, Iago, Xurxo e a bis...Carlota, en 28/11/2009.

"A marcha Radetzky", como é costume e tradición está poñendo o broche ao concerto de Viena e Eu, abandono tamén os trebellos da escrita e, seguindo a Neira Vilas, no capítulo do rato xirifeiro, do libro Retrincos: deixarei este fogar, onde pasei o fin de ano de 2016, na compaña da sogra María e irei por outros mundos rillando novas cavilacións.

rafadcg@r.gal

1/01/2017