ANO F. FERNÁNDEZ DEL RIEGO


Corenta anos despois de que Don Paco, xunto con Xesús Ferro Couselo (Letras galegas 1996) e Manuel Gómez Román propuxeran á Real Academia da Lingua a celebración dun Día dedicado ás Letras Galegas, esta acordou que neste ano 2023 fose el homenaxeado.

Así pois, na súa Vila natal, Vilanova de Lourenzá (Lugo) e no Centro de usos múltiples Ponte de Cuñas tiveron lugar os actos oficiais da RAG, propios deste Día, pois a dimensión de tal festividade, con eventos e actividades numerosas, fai que xa veñamos falando non do Día Das Letras, senón do Ano das Letras dedicado a tal ou cal persoeiro.

Dirixiu o acto o Presidente da Real Academia Victor Fernández Freixanes acompañado polo Presidente da Xunta de Galicia Alfonso Rueda Valenzuela e no que interviron: Margarita Ledo Andión, Francisco Díaz Fierros e Xesús Alonso Montero. (Tres olladas complementarias para amosar tres facetas de importancia na vida do homenaxeado)

Aberto o acto, polo "Coro Mestre Pacheco de Mondoñedo, o Presidente pediu a Secretaria, que dera lectura ao acordo da RAG no que se decidiu dedicar o Día das Letras 2023 a Francisco Fernández del Riego.

Margarita Ledo Andión ilustrounos destacando a relación do homenaxeado cos medios de comunicación: fixo na súa disertación un percorrido polos distintos Medios: xornais, revistas... nos que escribiu, colaborou e dalgún xeito aproveitou para ir introducindo a Lingua Galega (afastada) no mundo que lle tocou vivir.

Francisco Díaz Fierros Viqueira achegounos á paisaxe na obra do homenaeado, resaltando a sensibilidade cara a paisaxe deste obreiro da cultura galega, paixón e intelixencia da súa longa vida; tratou os temas da paisaxe en varios libros, considerando esta como un elemento fundamental da nosa cultura, matizando que segundo as miradas obteremos diferentes paisaxes. Apuntou a necesidade da influencia da humanidade na paisaxe e: cales deben ser as actitudes do ser humano ante a natureza? Opta por unha solución: Toda Galicia debería poder transformarse en riqueza.

Xesús Alonso Montero, que titulou a súa alocución: "Tres horas na vida de Francisco Fernández del Riego en Vigo o 19 de outubro de 1949, encontro co seu camarada Luís Seoane". Camaradas (irmáns) do galeguismo, camaradas da cultura e da política, devotos do republicanismo, representado nun tempo de ilusión. Tres horas en chan galego logo de 13 anos e 4 meses de que Franco separara as súas vidas, puideron pasar ese tempo na cidade olívica onde atracara por unhas horas o barco que trasladaba a Seoane e á súa dona Maruxa Fernández López dende o Reino Unido a Bos Aires, (O xornal o Pobo Galego deu a nova). Puideron baixar do barco grazas as xestións de Valentín Paz Andrade, persoeiro con moita relación con asuntos do mar, e atoparse no peirao con sete persoas que os agardaban: Darío e Emilio Álvarez Blázquez, Carlos Maside e Laxeiro pintores, Del Riego, Collazo Lema e Paz Andrade. Dende o porto, a pé, dirixíronse á taberna do Elixio frecuentada por artistas e escritores, na Rúa do Príncipe onde comeron, nun reservado, ou máis ben aproveitaron o tempo falando. Antes de entrar na taberna Laxeiro amosoulle uns cadros no seu estudo. Na despedida Del Riego subiu á embarcación para despedirse e tivo que baixar por unha corda de esqueira a unha lancha; logo, dende o peirao, sete panos brancos despedían con emoción e tristura a Seoane e dona Maruxa. Máis adiante, Luís Seoane, nunha das cartas a del Riego, comenta: "Fíxome ben e moito dano ter pasado por Vigo, por que tanto dano". En 1952, en "Fardel do exiliado", inclúe un poema do barco que veu a Vigo e referíndose aos amigos di: "Sumidos en espesas mornas pedras". Heroes calados os que aquí quedaron.

Freixanes, apuntou que se acadan sesenta anos de Letras galegas, nos que valoramos aos elexidos pola calidade da obra e a exemplaridade da figura. De Fernández del Riego destacou a súa forma de ser activa e solidaria e o seu tono conciliador, a súa obra, e o papel de Del Riego como elo de unión entre Galicia e a diáspora.

Nós estamos hoxe aquí porque antes estiveron eles.

Concluíu, dando grazas a todos os asistentes e colaboradores, polos actos que se veñen desenrolando ao longo do ano e á familia do homenaxeado. Deuse por rematada a sesión coa interpretación do Himno Galego.

rafadcg@r.gal

17 de maio de 2023