ANOS DE FORMACIÓN(1)

En 1961, logo dun exame de ingreso, con dez anos, comezo o bacharelato por ensino oficial, no Instituto Nacional de Ensinanza Media Masculino de Pontevedra.

De outubro a xuño, de súpeto, a vida totalmente rural ata ese intre transfórmase en urbana. A Lingua, que dende a entrada na escola, aos catro anos, era castelán na aula e galego nos demais ámbitos, muda para castelán en todas as situacións, sufrindo incluso, mofas dos compañeiros se algún galeguismo nos afloraba aos que tiveramos este como lingua materna.

Xogos, estudos, relacións, lecturas..., todo transcorre en castelán agardando o Nadal, Semana Santa ou o estío, coas vacacións, para voltar ao galego.

Non quero deixar de recordar, neste escrito, antes de seguir adiante e a xeito de gratitude, o afán e esforzó de meus Pais para que puidera ir ao estudo: Esta frase súa resume o seu compromiso: "A escola non se pode perder, o estudo é o primeiro". Debo lembrar tamén a Manolo Souto e María del Carmen Ramírez (Mucha), compadres de meus país que me acolleron na súa vivenda en Mollabao 120, onde fóra os meses de estío formaba parte da ampla familia coa categoría de "un membro máis" ao longo dunha década, primeiro no Instituto e logo na Escola Normal.

O comezo do Bacharelato, non só supuxo cambios na linguaxe a empregar, senón en moitas outras facetas: a vestimenta, os xogos, as clases, o medio, os espazos etc.

O uniforme é neses primeiros anos de Instituto de obrigado cumprimento: pantalón gris (curto nos primeiros anos), camisa azul celeste, gravata azul mariño, (suxeita cunha goma nos primeiros cursos, e obxecto de bromas dos maiores), xersei gris e chaqueta de pana azul mariño co escudo do Centro. Engádese un uniforme para a clase de Educación Física (materia descoñecida na escola rural por aqueles días), consistente en: camiseta de tiras branca, pantalón de deportes azul mariño, calcetíns brancos e botíns azuis.

Aparecen xogos decoñecidos para min. Lembro: -ovo, pico, araña-, o frontón, hai luz..., e comezo a iniciarme noutros que se fomentan nas clases de Educación Física: Balonmán -o Instituto é por eses anos unha verdadeira canteira para os equipos de balonmán da cidade (Teucro e Cisne) acadando varios alumnos o nivel para participar durante varios anos na élite deste deporte, lembro entre outros a: Barcia Domínguez (do meu curso, durante o bacharelato elemental), Area, un manicho prodixioso), Latas, etc.- , o baloncesto, balónvolea, táboas de ximnasia, tan de moda neses anos e atletismo en todas as modalidades compoñían o máis promocionado neses anos no Centro. O fútbol, non gozaba de privilexio algún e tiña que ser practicado pola nosa conta en canchas pouco adecuadas, sempre fóra do horario de Educación Física e salvo raras excepcións sen iniciación nin dirección algunha na base dese deporte. As clases de Educacion Física, tiñan lugar no magnífico e ben dotado ximnasio do Centro, nos patios interiores ou nos campos do Verxel (espazo non moi afastado, ao que chegabamos logo de cruzar as Palmeiras, atravesar a vía férrea e Raíña Victoria, este espazo está hoxe ocupado por un novo Instituto) de terra batida naqueles tempos e verdadeiro punto de xogos os sábados pola tarde e os domingos de mañá. Cantas veces, de regreso do Verxel ao Instituto, bebín no chorro das ras que arrodean o estanque dos parrulos!

Nalgunhas ocasións, nos cursos superiores, o horario xuntaba dúas horas de Educación Física seguidas e entón as clases tiñan lugar no Estadio da Xuventude, con pistas de atletismo e instalación reglamentarias.

O edificio e os equipamentos magníficos para a época: calefacción central, amplos corredores, servizos dignos, paraninfo para actos importantes ou conferencias, Laboratorio e Museo de Ciencias Naturais, oficinas, ximnasio (xa amentado), patios interiores para formar á entrada e para xogos no recreo, que se complementaba coa Alameda e os xardíns de Vicenti ou Palmeiras... Quizais unha Biblioteca na que poder consultar ou sentarse sen barullo para estudar (sobre todo nos cursos superiores) se botase en falta, tendo que desprazarnos en moitas ocasións á cercana Biblioteca Pública, no Paseo Colón, a día de hoxe: Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra.


rafadcg@r.gal

22/08/2018