ANOS DE FORMACIÓN (2)

As soidades, principalmente nos primeiros anos, acompañadas de tristura, manifestábanse con forza, sobre todo nas despedidas familiares e os fíns de semana..., fins de semana curtos pois o sábado, pola mañá, era lectivo neses primeiros anos de Instituto.

As tardes dos sábados, estudo e traballos na casa, arranxo de cabelo na barbaría, xogos no Verxel, se o tempo o permitía..., Os domingos, misa, de mañá, na parroquial de San Xosé, por aqueles días nunha nave en Campolongo, a carón do antigo Campo de fútbol do Pazo e preto do cuartel de Artillería e polas tardes, fútbol cada quince días en Pasarón, onde acompañado de Manolo Souto -el en tribuna, e eu debaixo en entrada infantil-, animabamos ao Pontevedra C.F. que por aqueles primeiros anos militaba na segunda división. Cando non había fútbol, algúns domingos, sesión infantil de cine, no Teatro Principal ás 15h 15minutos, por alí: Joselito con "O reiseñor dos cumes" ou Marisol con, "Un raio de luz" ou "Rumbo a Río", por mencionar algún títulos, convertíanse nos nosos ídolos.

Por eses primeiros anos de bacharelato, souben da súa existencia e coñecín o primeiro aparello de televisión. Non lembro a data exacta, mais si o lugar onde o vin: Foi, na Praza de San Xosé, no "Petit Bar". Anos despois, algúns domingos asistía na mesma praza, na cafetaría do Moderno, ao partido que se televisaba os domingos ás dezaoito horas.

Pouco a pouco fun ampliando os espazos da cidade, mais neses anos de bacharelato os principais círculos de acción xiraban en derredor do Instituto: Alameda, Palmeiras, Praza de San Xosé, Praza da estación de tren (hoxe praza de Galicia), barrio de San Roque e estrada de Marín.

O trolebús, cando había moita invernía e os oito patacos ruxían no peto, achegábanos ao Centro. A vida na Vila era sosegada, espertaba tarde, nada comparable coa actualidade, facendo bo o dito da época: "Pontevedra dorme, Santiago reza, Vigo traballa e A Coruña divírtese.

Outros cambios que lembro como moi significativos desta etapa: Abandono da pluma, secante e tinteiro. Chegada do "boli" ás nosas vidas, non sei como nin como non, pero eu examineime de ingreso con estilográfica e comecei o curso co "Bic"; bloc de debuxo, tinta china, escadra, cartabón, compás, tiraliñas ou novos soportes para a escritura, máis alá da libreta de raias, entre as novidades que se incorporaron.

Os cursos foron pasando, as comunicación melloraron, os coches foron chegando ás nosas vidas, os sábados deixaron de ser lectivos, o tempo de separación continuada do fogar nativo acurtouse e quedou reducido de luns a venres, as soidades foron sandando e o bacharelato elemental primeiro e o superior, dous anos máis adiante, completaron esta estancia no Instituto. Unha excursión, logo da revalida de sexto por: Ponferrada, Astorga, León, Valladolid, Segovia, Ávila e Salamanca, dirixida polo profesor de Historia da Arte, puxo o broche a esta etapa de formación e segue a permanecer na miña memoria.

Algunhas vivencias dese período rememóranse cada ano en vésperas da Peregrina, coas xuntanzas de compañeiros desa promoción, nunha cea na que non faltan as anécdotas, nun agradable ambiente.

Os tres seguintes anos transcorreron na Escola de Maxisterio, tamén de Pontevedra, naquel momento, na Avenida de Bos Aires co que a distancia ao Centro case se dobrou. Direi que os dous primeiros na súa totalidade e, o terceiro de Prácticas de Ensinanza, nun Centro, no meu caso, no CEIP "A Laxe" en Marín, con asistencia pola tarde-noite á Escola de Maxisterio.

Finalizado este periodo, computado como etapa de formación, co Título de Mestre de Primeiro Ensino, estabamos en condicións de comezar a vida profesional, se ben a formación do docente é continua ao longo de toda a vida laboral.

As aulas agardaban, mais aínda houbo que cumprir, nada menos que quince meses e quince días coa vida militar. Iso si, con clase diaria de alfabetización a soldados sen Certificado de Estudos Primarios.


rafadcg@r.gal

22/08/2018