ANTONIO "O DA ALDEA"

Onte asistín no Ateneo Santa Cecilia, en Marín, a unha conferencia sobre Antonio Fraguas, a quen se homenaxea este ano 2019 como persoeiro electo nas Letras Galegas. Festividade moi en auxe e con vixencia de actos ao longo de todo o ano. Escoitamos á relatora Malores Villanueva Gesteira, Cotobadesa coma Fraguas e coma min e autora de "Antonio Fraguas, mestre da memoria", que nos trazou os principais rasgos e puxo en valor a súa aportación a Galicia resumida na frase: "Traballou sempre por e para Galicia".

Hoxe, día central das Letras, viaxo ata Famelga de Augasantas, pasando por Insuela, barrio da parroquia de Loureiro (Cotobade) onde se atopa a casa natal e onde en pasadas datas deste ano se colocou unha placa conmemorativa. Dende a Pontenova sobre o río Almofrei e todo costa ata Famelga, primeiro atopo á esquerda, nese último barrio da parroquia a casa do homenaxeado e de contado tras cruzar a Volta de Cornas, entre arboredas mestas e frondosas, acado o cume, e xa á miña esquerda a Carballeira de Famelga, coa ermita de Santa Lucía, un peto de ánimas, as lembranzas dunha feira que xa desapareceu hai moitas primaveras e a casa, que en tempos da súa neneza acollía unha escola, á que el asiste un tempo; O mestre desta escola, tamén Antonio, descobre as posibilidades intelectuais do neno e anima aos pais a que estude, abortando a súa marcha a Brasil, onde o pai era emigrante e onde soñaba con facelo ferroviario... A carballeira, nestes días de maio preséntasenos cunha frondosidade extrema e os verdes axitados pola airexa que acompañada de cando en vez por auga esperta o noso interés, reclamando atención e facendo exclamar a moitos asistentes, mágoa de día!

Antes de comezar o pleno extraordinario da Rag, unha sobriña-neta descubriu unha placa na escola onde estudou. Durante o Pleno presidido por Victor Fernández Freixanes, e desenrolado á abrigueira dunha carpa que se quedou pequena para o número de asistentes, tres Académicos louvaron a figura de Fraguas: Clodio González Pérez, repasou a súa vida, centrándose en seis intres que marcarían o seu labor. Fina Casalderrei incidiu na súa faceta docente e Francisco Díaz-Fierros analizou a súa aportación á xeografía. Cerrouse o acto, cunha lembranza por parte do Presidente, e coa interpretación do Himno Galego, que nós, os asistentes, postos en pé e acompañados dun grupo de gaitas interpretamos con moita devoción e cariño.

Asimesmo, puxo de manifesto Freixanes, que os actos en derredor da súa figura continuarán ata que o ano finalice. E así ben ocorrendo en Asociacións, Centros de ensinanza, Concellos, Medios de comunicación etc. Onde as iniciativas e formas de homenaxe máis variadas están xurdindo, e así nolo fan saber os medios de comunicación con novas a diario, suplementos, entrevistas etc. Varios son tamén os libros que se veñen de publicar e que nos achegan ao persoeiro.

Prosigamos pois, celebrando a este home, que dirixiu o Museo do pobo Galego e ao que doou a súa importantísima biblioteca, foi docente moitos anos e aportou cos seus abondosos libros e escritos, sobre unha infinidade de temas, luz e memoria sobre moitas cuestión galegas, froito do seu amor pola Terra.

Que teña o seu merecido descanso no Cemiterio de Boisaca, en Compostela, na compaña doutros ilustres galeguistas. Grazas Antonio, por estar orgulloso da Aldea e por todo o que nos legaches!

rafadcg@r.gal

17/05/2019.