"ARAÑITA"

Que así é alcumado o persoeiro que hoxe traemos a estes escritos, do ano tres, moi lonxe de que sirva de mofa, burla ou desprezo, senón, máis ben con cariño e simpatía e benquerenza, para el e para os moitos que ao longo dos tempos, en todos os pobos, van xurdindo..., permanecen un tempo máis ou menos longo na lembranza dos que os chegaron a coñecer e son substituídos por outros; substitución que non soamente afecta a estas figuras, senón tamén aos observadores. Algúns, incluso, pola popularidade que acadaron son inmortalizados en estatuas, reseñas gráficas ou similares, levados a libros con anécdotas, contos etc. En todo caso, persoeiros entrañables que habitan os nosos pobos, aldeas e cidades.

A súa maneira singular de comportarse, pouco común, chama a nosa atención e fai que os vaiamos elevando a ese cualificativo de "senlleiros", "sen iguais"..., "Arañita", pois, é un persoeiro que non ten comparación, por iso, por vivir no pobo que eu vivo é polo que o elexín, co maior respecto e consideración, para exemplo dos moitos que en todos os pobos están a ser, foron e serán.

Este, noso personaxe, igual que as anduriñas, percorre moitos quilómetros, non voando, máis case, semellando que non chega a tempo a ningún lugar, tendo por norma básica do seu comportamento a inquietude, a axitación e o desacougo. É un home, fraco, pouco garboso no andar, de mediana estatura, nervioso e sen paciencia, estrafalario no vestir, pois a súa indumentaria é do máis extravagante e rara, camiñante empedernido, tez morena de tanto andar as rúas da vila sen acougo dende as primeiras horas da máña ata o solpor; soamente, de cando en vez, repousa nun banco: ben do Paseo do Colesterol, ben da Alameda, ou de calquera rúa... mais, polo xeral, non o fai sentado, o seu costume e deitarse coas pernas medio encollidas, mirando ao firmamento, sen deixar de facer espaventos coas extremidades e aproveitando eses intres de repouso para fumar de xeito precipitado como nunca vin facer a ninguén, as chupadas son tan rápidas que a súa face atópase meses momentos envolta nunha espesa capa de fume..., seguramente, case teño a certeza, que ese cigarro do que falo, como todos os que fuma ao longo do día, foi galano dalgún conveciño e froito dos moitos que pide no seu vagar polas rúas ao longo da xornada. Traballa incansablemente pedindo, ademais do tabaco, unhas moedas, polo xeral para un café, ou, bo coñecedor dos hábitos de cada un de nós, percorre os bares ou cafeterías, ollando dende a porta e tratando de albiscar algún cliente que teña de man para pregarlle que o invite a un café con leite; consumición, que o camareiro experto serve na barra, case fría, en nun cerrar e abrir de ollos, desaparece café e persoeiro, para continuar ruta... Outra das súas ocupacións -sobre todo pola tardiña- é a de percorrer os contenedores, na procura de zapatillas deportivas, ou roupa, de maneira tal, que ao longo dunha xeira, podemos atopalo ataviado con distinta vestimenta, pero sempre do máis rechamante posible e as máis da veces super colorista.

Diría del que semella andar aos biosbardos, na procura día e case noite, de algo que non atopa, nun infatigable peregrinar pola rúas da Vila.

Sirvan estas liñas, escritas o día de San Xoán, de homenaxe para el, e para outros singulares personaxes, que todo pobo ten, coas súas peculiaridades particulares. Como exemplos, citarei no meu pobo natal, naqueles xa afastados anos da miña nenez, a "Canero", bo gadañeiro e mellor nadador no río Almofrei, naqueles meses de estío nos que se desprazaba de Forcarei a Carballedo. E aquí en Marín: "Jhon Balan", "Ismael", "Pepito Meijón" ou "Anita", falecida recentemente, e merecedora dunha lembranza na Alameda Rosalía de Castro, recinto que habitaba de mañá e de tarde, polo menos nestes derradeiros anos, entre moitos outros que, por non cansar vou deixar no tinteiro.

rafadcg@r.gal

24/06/2019