ARCEBISPO LAGO
(Tuy 1865 - Compostela 1925)
O próximo 19 de marzo cumprirase o Centenario do pasamento, de Manuel Lago González. Foi o primeiro arcebispo "enxebre" de Santiago de Compostela en 1924, despois de 129 anos seguidos de arcebispos foráneos.
Tivo unha curta vida, poeta e dramaturgo, foi un dos fundadores da Real Academia Galega o ano 1905. O seu discurso de entrada na RAG tivo por título "Eloxio da Lingua Galega"e marca un fito igual que a súa vida de asceta e pobre. A súa biblioteca, única propiedade, cuns 7000 exemplares, tivo que ser vendida para pagar o enterro.
Ingresou na RAG, co discurso "Gabanza da Lingua Galega" o ano 1906 e foi homenaxeado coas Letras Galegas do ano 1973. Amosou unha grande preocupación pola FALA, escribiu algunhas prosas en Lingua Galega e un bo feixe de poemas na nosa Lingua. Nestes poemas trata temas: relixiosos, costumistas e lembranzas da súa Vila e Comarca. Pertenceu ao Seminario de Estudos Galegos, participou nos Xogos Florais de Tui e colaborou en varias publicacións.
Tui, a dos vellos amores,
na memoria lle xurdía,
toda de flores cuberta
toda de gloria vestida
coa súa gran Corredoira
donde a xente andaba e viña
entre regueiros de luces
e entre mares de alegría
coa súa fresca alameda
onde bole e xeme a brisa
coa súa ponte, arpa de ferro
que fixo bela poesía
para cantar ao son da gaita
a fermosura de Galicia.
Lago González. Lembranzas da Terra.
Tui, está a preparar o Centenario de Lago Gónzalez, que primeiro foi Bispo de Osma, logo de Tui e finalmente, como xa dixen, Arcebispo de Santiago de Compostela. Destacou como teólogo, gran coñecedor da Lingua, orador, arqueólogo e poeta e foi nomeado Presidente de honra do Seminario de Estudos Galegos. Con motivo do Centenario do seu pasamento o Alcalde de Tui vén de reunirse en A Coruña co Presidente da Real Academia da Lingua Galega co tema: Celebración o 18 de marzo de 2025, dunha homenaxe a Manuel Lago.
Existe unha biografía, cunha selección da súa obra galega, sesenta e dous poemas, recollidos por Xosé Fernando Filgueira Valverde, que nos di que as súas derradeiras palabras foron: "Hai que defender a Galicia".
Preto da Catedral Tudense, atopamos unha escultura súa, e na Igrexa Parroquial de Randulfe, onde naceu, un escudo de armas da época en que foi Bispo de Osma.
Un busto seu atópase na Sala de Investigadores da Biblioteca Xeral da Universide Compostelá; é obra firmada por José Capuz Mansano.
Está sepultado na Capela da Comuñón da Catedral de Santiago de Compostela.
INVERNEIRAS
Claro sol de lanzas de ouro,
labarada, que acendida
nos espazos,
de luz vertes un tesouro,
e es fogo, e es vida;
claro sol,
Por que tapas o teu rostro
que no agosto
queima en touzas e ribazos
as folliñas de herba mol?
Marzo 2025, No Centenario da morte do Arcebispo.
rafadcg@r.gal
..