ARQUITECTURA VISIGODA

Dende que, no bacharelato, cursei unha materia nomeada Historia da Arte, e souben da existencia do estilo visigótico, sentín degoiros por coñecer as tres igrexas españolas máis representativas: San Xoán Bautista -en Baños de Cerrato, Palencia-, Santa Comba -en Bande, Ourense- e San Pedro da Nave en Zamora. Estas arelas non deixaron de medrar, sentindo xa dende aquel retrato, en branco e negro propio daqueles anos do manual de historia, un aporte estético que me inclina a pensar que emana da súa proporcionalidade.

Hai anos, moitos, que coñezo a diminuta, xeitosa e belida Santa Comba, na localidade de Bande, provincia de Ourense, próxima ao encoro das Conchas no río Limia. Alí, tamén, una Aula de interpretación axúdanos a comprender os restos do campamento romano "Aquis Querquenis", anegado por veces polas augas do encoro, e que posiblemente esta base servise de vixía e custodia da Vía XVIII ou Vía Nova de Brácara Augusta (Braga) a Astúrica Augusta (Astorga). Pois ben, cada vez que paso camiño do Balneario de Río Caldo en Lobios, non deixo de, afastarme un nada e todo, da ruta, achegarme á pequena igrexa, dar unha volta de redor, contemplala, ollala dende o valado próximo, procurar a chave nunha veciña de a carón, entrar e gozar un anaco desta alfaia galega.

Pasaron moitos anos e, igual que a todo porco lle chega o seu San Martiño, hoxe chegoulle o día a San Pedro da Nave. Alí, sobre as trece horas, cun sol espléndido, que invitaba á visita en tan marabilloso día, máis propio do estío, arribamos para por un espazo de tempo gozar da súa sinxeleza, harmonía de formas, beldade e historia..., primeiro, visitamos o seu interior, grazas á amable moza que demorou o seu peche e contestou cortesmente a cantas preguntas lle formulamos... Logo, xa con máis sosego e tranquilidade, esculcamos o seu exterior, arrodeándoa, tomando fotografías, conversando etc. Para pouco a pouco irnos achegando ao seu campanario, apartado -nun dos recunchos do adro-, na entrada ao recinto, ao pé do camiño, onde una placa no seu muro reza: "Esta igrexa de San Pedro da Nave foi trasladada, pedra a pedra, dende o seu primitivo emprazamento na marxe esquerda do río Esla ata este lugar, como consecuencia da construcción do encoro Ricobayo, pola empresa hidroeléctrica Saltos do Douro baixo a dirección técnica de don Manuel Gómez Moreno e a técnica do arquitecto don Alexandro Ferrant (1930-32). Iberdrola MCMXCV. Unha segunda placa infórmanos textualmente: Camiño de Santiago, camiño portugués da Vía da Prata: San Pedro da Nave e una cuncha (preside o seguinte): Peregrino, esta igrexa tivo un dos primeiros albergues do mundo xacobeo. A xenerosidade do rei Afonso III, no século IX, agrandouno coas súas doazóns. E a caridade de Santa Basilisa, San Xulián, fixérono lenda. Que a xenerosidade e a solidariedade sexan tamén os froitos da túa andadura. Uns peregrinos contemplando un arco e a lenda: Fundación Ramos deCastro para o estudo e promoción do home. Amigos do Camiño de Santiago de Zamora. Remata esta información cuns peregrinos ollando un arco de ferradura e un símbolo que ben puideran ser as augas do encoro de onde foi rescatada esta xoia ou o camiño que percorren estes camiñantes.

Cunha derradeira ollada dende o promontorio que serve de aparcadoiro, sobre o seu amplo adro, perfectamente limpo e onde dous piñeiros semellan custodiar o monumento, puxemos fin a visita tan desexada longos anos e que en tal día, demos cumprido tal degoxo, agardando que non sexa a derradeira visita e, dende xa, buscando ocasión para rendir visita a San Xoán de Baños.


rafadcg@r.gal

27/04/2018