ARTES GALEGAS 2025


En sesión celebrada o 1º de xullo de 2024, a Real Academia Galega de Belas Artes acordou dedicar o Día das Artes Galegas do ano 2025 a Isaac Díaz Pardo. Xa no ano 2009 recibira a Medalla de Ouro ao mérito das Belas Artes.

Non é a primeira vez que traio ao meu Blog Literario a Isaac, pois xa deixei algunhas pinceladas sobre tan brillante e extraordinario persoeiro nun escrito do 4 de setembro de 2017, baixo o título "Isaac e San Roque".

Naceu en Compostela o ano 1920, fillo do pintor,deseñador e escenógrafo Camilo Díaz Baliño, asasinado polos franquistas en 1936. Coa perda do pai ten Isaac que afrontar, con dezasete anos, ser o sostén da nai e da irmá.

Aínda que non era o seu desexo estuda pintura e debuxo na Real Academia de Belas Artes de San Fernando en Madrid, destacando como pintor e sendo un dos renovadores da arte galega do Século XX. Así nolo di: "Fíxenme pintor, xa que non tiven máis remedio. Tiña que saír adiante".

En 1948 abandona a pintura, deixando tras de si unha abundante e interesante obra que teremos tempo de coñecer e analizar ao longo do próximo ano. A partir de aquí concentra as súas actividades no campo da cerámica: Funda cerámicas do Castro en Sada e pon en marcha porcelanas Celtia en Arxentina. Tamén é o fundador do Complexo de Sargadelos. Nas súas viaxes a Bos Aires coincide e entra en relación con exiliados como: Rafael Dieste, Lorenzo Varela, Antonio Baltar e Luís Seoane con quen crea o Laboratorio de Formas de Galicia e participa na creación do Museo Galego de Arte Contemporánea "Carlos Maside" localizado no lugar de Samoedo en Sada (A Coruña).

Foi un creador múltiple, se queremos referirnos á súa obra teremos que ollar os diferentes campos: o pintor, o deseñador, o arquitecto, o editor, o escritor, o xornalista, os cantares de cego... Estas múltiples facetas fan que nel coincidan diversas sabenzas e que o poidamos considerar como un home do Renacemento.

Ingresou na Real Academia de Belas Artes en 2009 e faleceu en 2012.

Sirvan estes apuntes de prólogo ao que será un profundo estudo ao longo do próximo ano da súa figura e obra, estudo e difusión que servirán para que acade o alto lugar ao que se fixo merencente.

rafadcg@r.gal

2/07/2024