AS SONATAS

            Non por agardada, a chamada, me causou menos inquedanza. Ademais a proximidade do acto, acordado, nese intre, para o día seguinte, deixoume un tanto desasosegado para o resto da xornada.

Paseaba, en apracible mañá, máis propia de verán que do mes polo que transcorren os días, -outubro-, polos maxestosos xardíns do pazo de Oca, na parroquia do mesmo nome do concello, pontevedrés, de A Estrada. Que se: o paseo dos buxos semellaba un túnel (comentaba a miña dona e máis eu), o labirinto vexetal estaba recentemente recortado, esta enorme árbore é merecente dun retrato ao seu carón, as parras vendimadas dando sombra aos carreiros e xa comezando a amarelar, un paxaro que canta aquí e outro que rechouchía máis alá, algunhas presas faltas de auga en plena secura estival, cruzámonos cun grupo de visitantes franceses que seguen á guía con marcha vagorosa e que semellan devoralo todo cos seu axexante ollar... Nosoutros, na cabeceira do gran estanque de pedra, (ao pé dos muíños) arrodeado de hortensias e sucado por unha pétrea embarcación, cando soou o móbil... Era da Real Academia da Lingua Galega. Asunto: Fixar data e hora para facer efectivo o meu ofrecemento, en doazón, das Sonatas de Valle Inclán, vertidas ao galego, a esta Institución.

A inminencia do acto, que acordamos para o día seguinte, 5 de outubro, orixinounos certo desacougo: Que se nos achegariamos á Coruña en tren ou no propio coche?, que quen nos recibiría?, en que consistiría o protocolo?, que se tal, que se cal?, etc.

Finalmente, acompañado de Carmen, fixémos a viaxe en tren dende Pontevedra. Unha vez na cidade da Coruña, comparecemos Na Rúa de Tabernas 11, sede da Entidade dende 1978, antiga casa de Dona Emilia Pardo Bazán, edificio que continua acollendo, nun dos seus andares, a casa-Museo da escritora, ás doce da mañá. Alí, fomos recibidos polo seu actual Presidente, Victor Fernández Freixanes, antigo compañeiro de estudos nos anos de bacharelato, alá polos anos sesenta no Instituto Nacional de Ensinanza Media Masculino de Pontevedra. Lembramos aqueles seis anos nos que compartimos aula, algunhas anécdotas, algúns compañeiros, algúns profesores e interesouse polo meu devir nos anos posteriores. Nós, felicitámolo pola súa traxectoria literaria.

De seguido, comentamos sobre as traducións á Lingua Galega, que me ocupan dende os anos posteriores á miña xubilación, e, entregueille as correspondentes ás catro "Sonatas": de Outono, Verán, Primavera e Inverno que el recibiu como doazón á RAG, para que formen parte dos fondos da Academia e coa finalidade de garantir a súa divulgación entre os investigadores e a sociedade en xeral.

Coa dedicatoria, data e sinatura dos escritos mecanografados, pola miña parte, e co asinado do documento de doazón, por ambos os dous, púxose final ao, ameno, acto protocolario.

Fomos, nesta xornada tan singular e fermosa, logo de visitar a planta do edificio que alberga a Casa-museo de Dona Emilia despedidos, ademais de agasallados cun lote de libros, coas testemuñas de agradecemento da Academia, por ter pensado neles para a doazón.

En fin, un ledo e agarimoso día na cidade da Coruña, que rematou cun xantar, nos arredores da Praza de María Pita e cunha posterior andaina polo paseo de Orzán e Riazor, onde un elevado número de bañistas apuraban este prolongado estío, metidos xa na estación outonal.

5/10/2017

rafadcg@r.gal