ATARDECER EN BRIZ

Rematado xa o confinamento, que nos recluíu nos fogares ao longo de noventa días, non así extinguida a pandemia, visito, unha vez máis, nestes primeiros días do estío, este recinto, noutros intres couto que albergou a Granxa que os monxes cistercienses de Oseira (Ourense), cuxo abade foi señor de Marín, posuíron aquí na Vila, como Priorado anexo, ao longo da súa estadía dende a metade do século XII ata case mediados do século XIX.

Este predio, coa Desamortización de Álvarez de Mendizábal (1836), deixou as mans sacras, para dous anos máis tarde ser adquirido por Don Roberto Munaiz, tempada esta na que se coñeceu como "Vila Paula", nome da súa neta. Máis adiante pasou a propiedade da Familia Briz Saraiba, da que segue a conservar o nome, converténdose na súa residencia de verán, ata que, fai uns vinte anos, foi mercado polo Concello de Marín que o acondicionou, logo de varias reformas, para espazo de ocio e de servizos e acadando o calificativo de Parque dos Sentidos.

Este terreo, -cunha extensión duns 23.000 metros cadrados, orientado ao levante, polo que recibe o sol desde o nacente, amosa unha importante pendente, que foi organizada en socalcos-, alberga: Oficinas municipais, Centro Social e talleres de emprego, no que foi vivenda central; un auditorio ao ar libre así como dúas edificacións máis: a casa dos caseiros e a bodega con diversas funcións, ben escoltado todo por un fermoso hórreo.

O recinto totalmente cercado cunha muralla, ofrece xogos infantís, unha gran variedade de árbores con bancos por todos os recunchos que invitan ao asueto, meditación, reflexión, sosegada lectura ou, sen máis, á contemplación e audición dos moitos trilos, convertidos en rechouchío, que por alí xorden no continuo vagar e buligar das abundantes aves que acolle. Tamén é lugar de abundante auga, que a xeito de torrente, e con diversas conducións, a vai achegando a moitos lugares, formando estanques ou mesmo píos que noutro tempo se empregaron para o lavado da roupa, ou máis modernamente para xogos infantís; tamén acolle: festas como o Samaín, concertos de Bandas de Música, actuacións de grupos corais, desfiles de moda, etc., sendo un lugar moi visitado por excursións de centros educativos.

A andaina polos seus paseos, -cheos de frondosidade, nos que nos iremos atopando cunha gran cantidade de figuras humanas e de animais talladas en madeira, moitas sobre toros de árbores e outras en pedra-, non deixarán de sorprendernos, facendo do recinto un verdadeiro bosque animado, poboado dunha gran variedade de árbores, arbustos e plantas que nos ilustran coa súa correspondente etiqueta e que fan aconsellable para unha apracible tarde de verán, cando xa o sol mingua cara a poñente e os nosos sentidos poden admirar a súa grandeza : Ver -as marabillosas vistas, que sobre a Vila e a Ría nos ofrece-, oír -os moitísimos sons, das augas que o percorren, das aves que alí teñen a súa morada ou dos variados instrumentos musicais-, cheirar -o recendo das variadas plantas e flores que alberga-, degustar -un bocadillo ou lambetada, por poñer un exemplo-, tocar -osvariados obxectos que pon ao noso alcance; de aí que sexa nomeado como: "Parque dos Sentidos".

Un espazo para potenciar dende as Institucións, moi aconsellable para visitar e gozar do que pon ao noso carón, pero mimándoo co respecto que merece.

Un rótulo sobre pedra, no muro da entrada reza:

PARQUE DOS SENTIDOS: FINCA DE BRIZ

Pechei e imaxinei

un lugar máxico

onde era transportado por suaves

arrecendos da miña terra,

onde as árbores falaban

dos sorrisos dos nenos,

as augas susurraban

historias de namorados e as pedras

esconden o latexar dun pobo.

Abrín os ollos,

E púxenme a traballar nese soño.

Convídoche a entrar nel e

gozalo comigo.

Francisco Andrés Veiga Soto

Alcalde Presidente

Concello de Marín

 

Fermosa tarde de comezo do estío, neste singular curruncho, ateigado de natureza, frescor, vistas, paz e vida. Moi recomendable.

rafadcg@r.gal

22/06/2020