AVEIRO

Son as catorce horas, en Portugal, cando saímos do céntrico aparcadoiro, á beira do gran canal. Paramos nunha das moitas pontes que comunican as dúas marxes e albiscamos una boa mostra de edificios modernistas. Estamos na cidade de Aveiro, a choiva cae mesta, mecha, lene, intensa, sen temporal..., a temperatura agradable. Dúas parellas, dous paraugas; a cidade e nós, e algo máis de vinte e catro horas de lecer, para cachear, cheirar e desfrutar desta atlántica cidade Lusa.

Estamos, practicamente no corazón da cidade e, nun tris tras, decantámonos por un restaurante. Laureano e Pili, os nosos acompañantes, dunha banda da mesa e Carmen e Eu da outra, iamos dando conta do xantar e planeábamos a estancia. Como a tarde seguía metida en auga, á saída do restaurante, decidimos tomar contacto coa urbe, cunha viaxe en tren turístico: En tal medio achegámonos ás salinas (o sal é unha das súas marcas de identidade), soubemos da importancia da súa Universidade con máis de doce mil alumnos, que nas horas de lecer inundan as rúas e os lugares de diversión, dunha algarabía propia de tales anos, coñecemos as principais arterias da cidade e os elementos máis significativos que acollen -edificios, prazas, parques, xardíns, catedral, barrio de pescadores, centros comerciais, museos, persoeiros notables...-

Segue a chover, os lugares que máis visitantes acollen, en tarde tal, son os máis próximos ao centro e con posibilidades de acubillo: os museos.

O de Arte Nova, na casa Major Pessoa, primeiro que visitamos, amosa na súa fachada as características deste tipo de arte, importado a Portugal nos primeiros anos do século XX e manifestándose nas fachadas co ferro forxado, decoración de columnas, portas e fiestras, vidros e un engadido, aquí en Portugal, o azulexo tan típico do País. No seu interior sorprendeunos una colección de obxectos doados por Antonio Nascimento Leitao, un médico militar que pasou anos en Macau, onde adquiriu uns e, recibiu como galanos, dos doentes pobres aos que non cobraba, outros. De contado, O Museo Cidade de Aveiro acolleunos; a súa idea participativa pretende dar presenza aos momentos, feitos, obxectos, materiais, persoeiros que conformaron a alma desta cidade. Ademais de acoller exposicións temporais.

Como o serán se achegaba, buscamos apousento no Hotel Imperial, céntrico e moi próximo á Catedral que visitamos a última hora, quedando pendente, por estar fóra de hora de visita, o contiguo e antigo convento de Xesús para o día seguinte. Da catedral, con múltiples restauracións, destacarei, no seu interior o famoso cruceiro de San Domingos de estilo gótico de finais do XV, no exterior, coa fachada da catedral ao fondo, retratámonos diante dunha réplica do nomeado cruceiro.

Ao día seguinte, alonxada xa a borrasca, e logo do almorzo na última planta do Hotel, con boas vistas sobre a cidade, dispuxémonos a coñecer o Museo de Aveiro, ubicado no mosteiro de Xesús dende 1911. É de salientar que a princesa Dona Joana entrou nesta casa en 1472, levando una vida de santa, polo que foi beatificada en 1693. Na planta baixa destacarei: no coro baixo, o túmulo da Princesa Santa Joana, obra barroca en mármore multicolor, una alfaia que non debemos perder; a igrexa de Xesús, barroca, con azulexos portugueses, e seis lenzos sobre a vida da Princesa Santa Joana. Na planta alta: exposición permanente, con obras recollidas da extinción de ordes relixiosas: pintura, escultura, códices, pezas de orfebrería etc.

Para rematar a mañá, unha viaxe de 45 minutos, nos bonitos e coloristas barcos moliceiros (sinal de identidade da cidade), embarcacións turísticas que constantemente sucan os canais, cunhas proas e unas popas altas e profusamente decoradas. Estas embarcacións foron utilizadas ata o século pasado para recoller moliço, una planta acuática que logo de secar se empregaba como abono. Agora funcionan a motor e a súa tripulación (dúas persoas, patrón e mozo), cada un coa súa misión a bordo. O mozo explica en distintas linguas, segundo os navegantes, aspectos da cidade e controla, mediante un toque de corneta que non se produzan alcances entre embarcacións nas partes máis estreitas dos canais ou cando se accede a outro. Interesantísima e aconsellable singladura.

Un xantar na enxebre praza da peixería poría punto e final a estas horas na chaira de Aveiro, onde como tratei de narrar, puidemos coñecer as principais identidades da cidade: O sal, os barcos, Dona Joana ou os doces típicos: os ovos moles, dos que nos surtimos antes de iniciar o camiño cara Santa María de Feira.


rafadcg@r.gal

24/25/maio/2018