BATA: TRINTA ANIVERSARIO

Ao longo deste ano, estamos a conmemorar o trinta aniversario da BATA. É esta unha Asociación cuxo primixenio xerme tivo lugar en Baión -Vilanova de Arousa-, onde dous estudosos e entusiastas do AUTISMO e outras patoloxías -Carmen Márquez e Fausto García- botaron a andar o seu proxecto cun Centro de diagnóstico e tratamento, coñecido naqueles intres como "Colexio Os Mecos", que co decorrer dos anos deu lugar A BATA, tendo servido de moi valiosa e inestimable axuda e guía, ao longo desta trintena, a moitos usuarios do seu servizo e ás súas familias. Neste grupo de familias asesoradas, guíadas, e orientadas tamén nos atopamos a miña dona Carmen e Eu que, dende aquí, queremos expresar o noso recoñecemento de gratitude a Bata por ternos acompañado e axudado a transitar por este difícil mundo da discapacidade e no noso caso particular, coa patoloxía da nosa filla Cecilia.

Ao longo destes anos BATA non deixou de medrar: a cesión, por un tempo, da antiga escola de Baion, bautizada como "BUBELA" para talleres, forno de cerámica e outras actividades da Asociación; Un novo e moderno Colexio ubicado en Vilaxoán; a Inauguración do Centro de Día "Abuela Esperanza" en Vilagarcía para acoller e dar atención ás persoas que rematan a etapa escolar e, no seu caso, formalas para que coa axuda precisa, algúns usuarios, segundo as súas posibilidades, poidan acceder a un traballo grazas a creación do servizo de Emprego; a posta en marcha das Vivendas tuteladas -tres en funcionamento- que con apoio, control e axuda dos profesionais, acollen nelas a algúns usuarios de luns a venres; o servizo de "Respiro para familias" de venres a domingo; o servizo de "Ocio sábados, os Campamentos de verán; a posta en funcionamento da UAM para atención domiciliaria nos anos anteriores á idade escolar; o servizo de Diagnóstico; son logros acadados, nos sen esforzó por parte da Asociación e da Anpa, nestes trinta anos moi dignos de ser celebrados e ao mesmo tempo facer votos para seguir todos da man avanzando en melloras que redundarán en beneficio dos nosos fillos, irmáns etc. e axuden cada día máis á integración e presenza sen ningún tipo de trabas na sociedade en igualdade.

Así pois, entre outros actos conmemorativos deste trinta aniversario destacarei: A exposición "30 anos imaxinando futuros" con obras realizadas con persoas con TEA, familiares, profesionais e amigos, que tivo como marco a Sala Eisenman na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela, inaugurada con toda solemnidade o Día Mundial do Autismo, 2 de abril, e onde logo das palabras que aos asistentes nos dirixiu a Presidenta deste magno complexo, do Director Xeral de discapacidade da Xunta de Galicia e de Mónica Santos representante de BATA, que presidían a Mesa, tiven o honor de ler, xunto cun mozo afectado co síndrome de Asperger o Manifesto de Día tan importante, para reivindicar dereitos e facer máis visible o AUTISMO.

Ese mesmo mes de abril, o día 6, o Grupo de Teatro "Argalladas", fíxonos rir coa obra de teatro "Finlandia", para eles as grazas pola súa desinteresada posta en escena, no Salón García en Vilagarcía de Arousa.

Continuaron os actos, tamén nesta mentada Sala Arousana, o día 4 de maio, cunha sesión de "Videoforum".

Xa no mes de San Xoán unha Andaina, usuarios, profesionais e familias dende o aparcadoiro da praia do Bao, na Illa de Arousa, ata o Parque Natural de Carreirón, xantar e regreso, cun excelente e estival día, compartimos inquedanzas, devezos e ilusións. Logo de retornar, os máis animosos navegaron en dorna nas inmediacións da ponte que achega este Concello ao de Vilanova de Arousa. Fermoso día.

Como colofón, este 19 de outubro, cunha Gran Gala, tamén no salón García, cerramos os principais actos deste trinta aniversario. Alí, presentado por usuarios de Bata; Ángel Carracedo e Luís Simarro, ilustráronnos e puxeron luz sobre os aspectos médico e social da enfermidade. Un estudante de pedagoxía con Asperger, Mario Seoane, falou das dificultades con que se atopa no día a día. Belén García e a súa nai Teresa Sierra emocionáronos coas experiencias da vida de Belén. O Presidente da ANPA "Mecos" animou coas súas palabras a seguir na laboura cóbado con cóbado coa Asociación.

Presidiron o acto, O Director de Bata, Mario Trigo, O Director Xeral de maiores e persoas con discapacidade da Xunta de Galicia, Idelfonso de la Campa e a Concelleira de Servizos Socias do Concello de Vilagarcía,Tania García, que dedicaron palabras de ánimo, agradecemento e gratitude a todos os implicados nestas tarefas.

Deseguido entregáronse os Premio "PATACÓN" ao voluntariado, e á Editorial Kalandraca pola súa aposta polos libros con pictogramas que tanto axudan aos usuarios de BATA e pola súa sensibilidade para con este colectivo.

Mentres agardamos polo Grupo de gaiteiros "NOS", puidemos contemplar uns vídeos de persoas relacionadas con Bata, sobre o tema: "Como lle gustaría que fose o futuro das persoas con TEA". Gaitas, pandeiretas e tamboril, puxeron a nota musical ao acto e unha gran foto de familia co escenario de fondo deixaron datado tal acontecemento.

Unha cea de confraternidade, que resultou altamente leda, puxo o broche final a tan excepcional xornada. Agardemos que o desenrolo de BATA prosiga e que se poidan festexar moitos aniversarios.

Non quixera rematar, sen agradecer, A TODOS, aos que ao longo destes trinta anos, levan traballado e aportado o seu ben facer en Bata, facéndolle chegar o meu cariño e admiración por tan nobre tarefa.

19/10/2019

rafadcg@r.gal