BERNARDINO GRAÑA
(1932-2025)
Hoxe, domingo 19 de xaneiro de 2025, erguémonos coa nova do pasamento, onte, do escritor galego Bernardino Graña Villar, de 92 anos, na Vila de Panxón, onde moraba nunha Residencia de Maiores. Era natural de Cangas de Morrazo, vila da que era fillo predilecto dende 2022.
Bernardino participou na creación do Grupo Brais Pinto en Madrid e impulsou a (A E L G) Asociación de Escritores en Lingua Galega. Toda a súa obra está escrita en Lingua Galega. Está considerado como unha das figuras fundamentais da literatura Galega na segunda metade do século XX.
Os seus grandes temas son: O amor, a ecoloxía e a lealdade á Terra.
Foi coñecido como: o poeta do mar e do amor, materialista e profético, canta ao mar e ás súas xentes.
Ven loguiño a vender o peixe a Vigo
e trae unha canción do son dos mares
para beber e cantar xuntos nos bares
mariñeiro de Cangas, meu amigo.
Cunha ampla obra poética, que foi aparecendo por este orde:
-Poema do home que quería vivir.
-Profecía do mar.
-Non vexo Vigo nin Cangas
-Se o noso amor e os peixes...
-Sima-Cima do voar do tolo
-Luz de novembro
-Himno verde
-Sen sombra e sen amor
-Acendede as almenaras
-Tres vellas fábulas novas
-Berros no roncar das ondas.
Tamén cultivou a narrativa xuvenil, cunha ampla lista de títulos, obtendo en 1994 o Premio Merlín coa obra:
-O gaiteiro e o rato Pérez.
Unha soa obra de narrativa: coa que gañou o Premio Eixo Atlántico en 2006.
-Protoevanxeo do Neto de Herodes
A súa aportación ao teatro:
-Vinte mil pesos crime
-Sinfarín contra don Perfeuto
-Os burros que comen ouro nunca cabalos serán.
Deixa unha obra importante na nosa cultura, lendo a súa aportación conseguiremos que a súa figura acade o recoñecemento do que é merecente.
Varios poemas seus pasaron a ser cancións interpretadas por Suso Vaamonde, polo dúo: Mini e Mero ou polo grupo Astarot.
Ingresou na RAG en 2010, proposto por Xosé Luís Méndez Ferrín, Francisco Fernández del Riego e Ramón Lorenzo que foi o que deu resposta ao seu discurso de entrada na Academia, titulado: "Contos populares e Rosalía". O acto celebrouse no Auditorio de Cangas.
Moitas foron as distincións e premios que obtivo ao longo da súa vida. Citarei:
-O premio Abrente en 1969
-O Pedrón de ouro en 1999
- O premio Eixo Atlántico de narrativa galega e portuguesa en 2003.
-O Brais Pinto en 2013.
-Premio Cultura Galega das Letras en 2021. etc.
"Se morro, xa sabedes,
deixádesme en Rodeira,
no areeiro de Cangas, xunto ao mar."
(-Non vexo Vigo nin Cangas-) (1975)
rafadcg@r.gal
19/01/2025