BLANCO FREIXEIRO

Un novo outono, e xa acadamos a cifra de dezaseis, acoden puntuais á cita anual, estas Xornadas de Arqueoloxía, Arte e Historia. Este ano desenrólanse baixo o epigrafe: A MIRADA DA ARTE e acólleas, como de costume, o salón de actos da Biblioteca Municipal de Marín, con elas homenaxéase, cada ano, á figura da que toman o nome, o destacado e brillante historiador marinense: Antonio Blanco Freijeiro (1923 - 1991).

Don Antonio, home dunha estraordinaria erudición, dotado dun gran talento, foi un enorme humanista; logo de licenciarse en Filoloxía clásica, fíxose arqueólogo, desenvolveu imnumerables estudos obtendo, máis tarde por oposición, a cátedra de Epigrafía e Numismática da Universidade de Sevilla. Colaborou, co tamén pontevedrés Sanchez Cantón no Museo do Prado como consevador da colección de escultura antiga. Desempeñou a cátedra de arqueoloxía da Universidade Complutense de Madrid dende 1973 ata a xubilación.

Imnumerables traballos dende a Roma clásica a Exipto. Excavacións, estancias no estranxeiro facendo estudos, traductor, imnumerables artigos de carácter científico, galardonado con numerosas distincións..., dannos idea da dimensión cultural do persoeiro que dá nome a estas xornadas.

Enterrado, no panteón familiar, en Marín, xunto á súa primeira esposa, Pilar López Brea, falecida con anterioridade. Unha filla deles, viva, é profesora de español na Universidade París IV - Sorbona.

Esta pequena reseña, dos moitos méritos que Antonio portaba, levaron a que o seu pobo natal a través dos representantes do Concello, que as organiza, veña pondo en escena unha semana de conferencias que rematan cunha saída cultural e que son acollidas con gran fervor e asistencia polos Marinenses. Veñen sendo presididas polo seu irmán, Victor, e familiares, e, contan cun gran interés dos asistentes pola alta calidade dos relatores, consolidándoas como un referente na comarca.

Agardamos que este aniversario, polo que transitamos, se convirta en moitos máis. Iso sería unha estupenda nova para a Vila, a cultura e a historia.

Escribo estes apuntamentos, no intre que acabo de regresar do relatorio de hoxe: "O Mestre Mateo" ao que nos achegamos da sabia man de Xosé Carlos Valle Pérez, doutor en historia da arte e Director do Museo Provincial de Pontevedra. A súa exposición estivo, coma sempre, brillante.

O Auditorio, nesta xornada ao completo acolleu con gran interés a disertación. Mais eu boto de menos aos estudantes, ou non tan estudantes, xente nova, que aínda que algúns si están a asistir, a media de idade antóllaseme moi elevada; acaso se atopen moi ocupados con exames, ou quizais dende os Centros de Ensino non se promova o suficiente estes eventos? a saber?

Un oleo, conservado no Museo Manuel Torres da Vila, do pintor Iván Descamps, co retrato de Antonio, enmarca as distintas conferencias da semana, que comezaron o luns coa presentación e un vídeo sobre a 57ª Bienal de Venecia 2017: "Viva, Arte Viva" e un percorrido polos distintos Pavillóns; seguiron o martes coa conferencia de Ramón Rozas Domínguez que versou sobre: "O século XX, un fervedoiro artístico"; agardanos para o xoves: "A arte rupestre en Galicia" da man de Carlos Rodríguez Rellán; seguirán o venres co relator Arturo de Lombera Hermida coa: "Arte do paleolítico, dende os Neandertais ata as últimas sociedades paleolíticas" e rematarán, o sábado, cunha saída cultural a Tui, para visitar a Catedral e máis a igrexa de San Bartolomeu de Rebordáns.

Dende xa, comezaremos a conta atrás, agardando polas xornadas "Blanco Freijeiro de 2018".


rafadcg@r.gal

29/11/2017