CAFÉ VIANNA

Atópome, na compaña da miña dona Carmen, agardando para cear, na terraza do Restaurante Café Vianna, o máis antigo da cidade, na Praza da República da cidade portuguesa de Braga, a antiga Braccara Augusta, un dos vértices que formaban o triángulo do antigo Reino de Galicia xuntamente con Lugo e Astorga.

Chegamos, pola mañá, como case sempre que arribamos nesta cidade, estamos hospedados no Hotel Dona Sofía: Visitamos a Catedral con certo detalle, pois non era dos días que se atopaba máis ateigada, á saída reparamos no engalanamento de moitas das súas rúas e logo nos decatamos que se atopaban así pola festividade de San Xoán. Tamén chama a nosa atención, mentres nos diriximos ás ruínas romanas a cantidade de flores que ornan algunhas das súas principais rúas. As termas, ubicadas na colina do alto da Cividade, no interior dunha ampla zona cercada e protexida onde nos detivemos un bo treito de tempo, atópanse perfectamente recuperadas e con explicacións moi didácticas, están consideradas como monumento nacional e integradas nun plan de protección. Logo puidemos observar como nas cercanías traballaban con minucioso coidado e celo un fato de, posiblemente, estudantes de arqueoloxía na recuperación duns restos romanos e algo máis afastato, pero pouco recuperado, intuímos o que seguramente foi o teatro romano.

Volvendo, ao que me ocupa, ao Café Vianna, adéntrome no interior, na precura dos sanitarios, e á volta detéñome profundando na estructura e decoración de tan curioso local: amósaseme con altos teitos, non propios destes tempos, grandes vidreiras de metal dourado e lámpadas pequenas do mesmo material, zócalos con debuxos tamén dourados e unha placa incrustada no mesmo tabique que en números romanos nos indica a data da súa orixe: MDCCCLVIII. Mesas de mármore xaspeado, cadeiras negras con dourados e todo ao seu redor uns asentos corridos en cor vermella. Pendurada do teito unha estátua representaando a unha serea cun libro nas mans e que se reflicte nos grandes espellos das paredes, ofrecendo un panorama de grandiosidade. O pavimento amósanos un mosaico con decoración de flores e formas xeométricas. As paredes están ornadas con grandes espellos.

Unha vez fóra, fixo a miña atención nos soportais do edificio onde oito portas comunican o interior coa terraza, separadas por columnas de pedra con certa ornamentación e con semicírculos do mesmo material que tamén axudan a que o interior sexa mais luminoso, sobre estes medios arcos, xa na parede as douradas letras de CAFE VIANNA. A terraza, onde me atopo alóngase nestes meses de verán, aínda máis alá dos mentados soportais e as súas costas a Praza da República, grandiosa cunha grande fonte circular na que está a manar auga nestes momentos. Nestas arcadas do Vianna, unha placa dourada reza: Aquí nasceu o SC BRAGA, 1921, homenagem Ao grupo de amigos que aquí sonhou, pensou e fundou o clube; sobre o escrito a insignia do Club. Outra placa anuncia: Asociación de Futbol de Braga. Consello da arbitraxe 2º Andar.

Os camareiros e as camareiras van, neste día, ataviados cunha camiseta da Selección Portuguesa de futbol (número 12) que hoxe disputa con Francia os cuartos de final da Eurocopa 2024, torneo que rematou coa victoria da Selección Española.

O edificio, onde se ubica o escrito de hoxe, acolle no seu centro a Igrexa de Lapa e do outro lado, co mesmo número de portas que O Vianna atópase o Café Astoria, que data de 1928.

Cando rematamos a Cea, achegámonos ao Café A Brasileira, do que xa escribín noutra ocasión, para tomar un café, pois como di no seu reclamo: "O Mellor café é o da Brasileira".

rafadcg@r.gal

30/06/2024