CAMIÑANDO POR PRACERES

Achégome á praia dos Praceres, coas miñas mulleres. Son as once horas, corre unha pracenteira airexa, dúas parellas de bañistas, leriando amigablemente, pasean coa auga ata os xeonllos. A marea nin chea nin baixa, subindo. Ao fondo, entre cons e area, outras dúas mulleres toman o agarimoso sol da mañá; os usuarios, nestas primeiras horas do domingo, son xente que non trasnoitou, xente da chamada terceira idade, os mozos espreguízanse moito máis tarde...

Mentres axudo a instalar á filla e á nai, sobre o areeiro, decido ir a camiñar. Diríxome cara á praza dos Praceres, á que eu, logo da derradeira remodelación, bauticei como "A Estación"; á miña esquerda a igrexa parroquial do Santo André coa súa esvelta torre contempla como eu ollo, dende a plataforma, o cruceiro do adro, mentres dúas gaivotas non se asustan, en demasía, ante o son dunha das campás do templo; non sei o porqué, neste intre, lémbrome do "Cuco de Lourizán". De seguido, achégome a unha placa informativa a carón do adro e leo:

IGREXA DE NOSA SEÑORA DOS PRACERES

Construída en 1888, deseñada polo arquitecto diocesano: Domingo Rodríguez Sesmero, semella que foi construída por Eugenio Montero Ríos.

Neste lugar atopábase a ermida de nosa Señora de Quitapesares, coñecida como a Virxe dos Praceres.

Ah!... Por iso algo me lembraba a, "O Cuco", como que están enterrados -a súa muller e máis el- nesta igrexa.

Arrodeo a Igrexa e, facendo uso dun paso elevado sobre a chamada autovía, diríxome ata O Cabo, alí, e sempre pegado a autovía, dá comezo este paseo de madeira, e que, segundo podemos ler nunha placa colocada sobre un monolito, foi inaugurada por Fraga Iribarne, nos seus tempos de Presidente da Xunta de Galicia e sendo Conselleiro de Pesca Enrique López Veiga, en febreiro de 2005. Reflexiono sobre a afección que os humanos temos a poñer placas e a quitalas, no que se refire, sobre todo, aos cambios de rúas, prazas, etc. E tamén me pasa polo caletre como non terían a ocorrencia de colocar outra na Praza dos Praceres, para comemorar a primeira viaxe, en tren ao porto, de Fraga e Xosé Cuiña... Ao mellor non procedía.

Prosigo rumbo a Pontevedra, ao tempo que matino sobre os beneficios que esta senda trouxo para o marisqueo, e fago memoria daquela xente cruzando a autovía, (aveños incluídos, xogándose o tipo, coma coenllos), para ir na procura dun xornal. Cando nas mareas baixas percorro este camiño e atopo ese areal aos topes, coa fantástica imaxe deses traballadores, cultivando as apreciadas ameixas e berberechos, non podo deixar de admirar o seu abnegado traballo.

Mais, este paseo cumpre, tamén hoxe, a misión de manter a raia ao colesterol, sendo moitos os camiñantes, que a calquera hora do día o percorren con tal fin. Non obstante, o tráfico, que xa a esta hora comeza a ser intenso, a pesar de ser domingo e non circular camións camiño do porto ou cargados de toradas cara ENCE, fano moi desagradable, debido ao intenso ruído que debemos soportar; procuro encamiñar a ollada á Ría, esquecelo e distraerme observando a enorme actividade dunha pequena bandada de medianas aves, que case se camuflan coa paisaxe que habitan, moi afanadas na busqueda do sustento matinal e que fan que, por uns intres, me esqueza dos inconvenientes causados pola chamada civilización.

Xa de volta, rodeo o lugar do Cabo, arredado do Colexio Sagrado Corazón de Xesús por unha muralla de cantaría; este barrio conserva un certo encanto, malia a ter desaparecido a súa carpintería de ribeira que durante tantos anos ocupou ese lugar.

O tempo que non perdoa...

28/08/2016

rafadcg@r.gal