"CANERO"

Antonte, atravesei en coche a aldea de Pazos na parroquia de Carballedo, no actual Concello de Cerdedo-Cotobade, levaba moitos anos sen cruzar por diante das casas que naqueles anos da miña nenez coñeciamos como a de Paquito o carpinteiro, a do médico con consulta José del Río, a de Penelas, aquela que ocupou durante anos o veterinario aragonés Joaquín Yus Serrano, seareiro e seguidor do Real Zaragoza, por citar algunhas das vivendas das que lembro aos seus moradores naqueles xa afastados anos cincuenta, cando na entrada que conduce á Eira do Couto (chaira que acolle os hórreos de todo o lugar, supoño que a día de hoxe baldeiros) bateron os meus ollos coa casa terreña na que moraba os meses de verán: Manuel Lorenzo Rodal como nos lembraba a cada paso que se chamaba, mais para os veciños de toda a parroquia era "Canero". Este personaxe, que hoxe lembro e me ocupa, era estacional como o paspallás o estorniño ou a andoriña. Aparecía, a principios do verán, no tempo de segar o centeo e facer as mallas, seguía na tempada de cortar as herbas que logo se deixarán secar para facer os palleiros ou almacenala nos alpendres para ser empregada, como alimento do gando, nos meses de inverno, cando aparecen días con tan adversas condicións climáticas que impiden a saída dos animais e se teñen que alimentar nas cortes. E na colleita do millo desaparecía, trasladándose a lugares do Concello de Forcarei: Pardesoa, Millarada, Presqueiras, Dúas Igrexas ...

No tempo da sega víase, un día si e outro tamén, gadaña ao lombo, pedra de asentar o fío da gadaña no corno pendurado do cinto e zafra e martelo para cravuñar a ferramenta, como cómpre facer, logo dun tempo gadañando.

Lémbroo como unha persoa con pouco garbo, mediano de estatura, pantalón vaqueiro azul escuro moi luído e sempre de catiúscas, incluso en pleno verán, de faciana moi morena e cun chapeu de palla cravado ata as orellas que lle cubría a enorme calvicie só tapada por media ducia de longos cabelos esbrancuxados que se espallaban en varias direccións cada vez que acudía "Á Calzada", lugar do Río Almofrei, no barrio da Chan, onde neses meses de verán nos bañabamos e onde demostraba as súas habilidades lanzándose de cabeza dende o toro dunha árbore que se atopaba na orela e que lle servía de trampolín; gastaba chambra desabotoada case ata o embigo, ollos claros tirando a azuis e aspecto meditabundo, barba descoidada e rara que desaparecía de cando en vez, orellas algo grandes e case xuraría que lle faltaba algún dente; non era xogador, mais na taberna gustaba de ollar as partidas mentres devoraba un bocadillo de queixo de bola ou de sardiñas en lata; non sabería dicir a súa idade, quizais xa pasara o medio século. Nunca o oín falar de que fora chamado a quintas, se ben era home de poucas falas, aínda que o talle debía de dalo e tampouco me lembro de que tivera coxeira algunha que o puidese librar do servizo militar.

Pasaron os veráns, chegaron as máquinas segadoras, as gadañas foron pasando como moitos apeiros agrícolas a un segundo plano, e deixamos de ver a este persoeiro estacional, o mesmo que ás andoriñas pola nosa parroquia.

Hoxe, moitos anos máis tarde, en pleno estío, volveu á miña memoria como unha lembranza da miña adolescencia este home calificado, cando menos, como de singular, no intre en que pasei preto da pequena casa, que o acollía, e que tanto nos amedrentaba cando, baixabamos da Escola na compaña doutros cativos que axudaban a aumentar o medo que a tal tal persoeiro lle tiñamos.

Permanece pois, no meu caletre, xunto a outras persoas da miña xuventude como "Cabaleiro, o do boi" do que xa falei noutra ocasión, "Perón de Paraños" que rematou os seus día vivindo na Chan, amparado en Casa Cuiñas ou, o mesmo "Andrés" do barrio da Igrexa que tamén tiña o seu aquel.

Un día calquera, sen avisar, deixaba a parroquia e xa non se tiñan máis novas del ata o vindeiro ano. Eso si, a casupa agardaba por el, impasible pero segura do seu regreso. Por quen agardará agora que xa sabe de seguro que Lorenzo Rodal non voltará? A saber!, saberaio como sei eu estas vaguedades, moi dispersas xa polo paso dos anos e fágome a pregunta: Quedan moitos, ou algún, que se lembren do nómada "Canero"?. Se alguén atopa algún día este escrito quizás o rememore, ou non atopará tempo para ler tales miudezas. A xente está moi ocupada en cousas importantes: Xa non está para contos a carón da lareira.

rafadcg@r.gal

Rematando agosto do 2022.