CAPELAS EN AUGASANTAS



A freguesía de Augasantas, en Cerdedo-Cotobade, ademais dunha Igrexa santuario, acolle dúas capelas: Unha baixo a advocación de Santa Lucía e outra onde se honra a San Xosé.

A ermida de Santa Lucía, no barrio de Famelga, atópase situada a carón da estrada PO-235 e á sombra dunha fermosa carballeira do mesmo nome; na fachada unha porta rectangular con dous pequenos vans un a cada lado, dous pináculos custodiando o modesto campanario e outros dous na traseira. No interior amósanos un retablo pétreo.

Preto da capela: un peto de ánimas de (1825), un sinxelo cruceiro e unha fonte con lavadeiro cuberto; ao longo da carballeira mesas e bancos invitan ao descanso, ou a unha merenda; lugar idóneo para un a un pracenteiro paseo en días de verán. Un edificio nun dos laterais da carballeira acolleu unha escola primaria en tempos pasados. Tamén, nesta ubicación, se celebraron feiras, que xa non son da miña acordanza.

A festividade de Santa Lucía ten lugar o 13 de decembro. Lucía, moza nacida en Siracusa (Italia), segundo a lenda arrincou os ollos para probar a súa fe e pureza. Existe o dito popular: "Santa Lucía che alumee". Esta Santa, patroa dos invidentes, aparece en algunhas cancións, entre outros do español Miguel Ríos ou do italiano Andrea Bocelli.

A capela de San Xosé, está ubicada no lugar de Penelas, lugar a día de hoxe sen habitantes, de aí que tamén sexa coñecida como Capela de Penelas. Afastada das casas da parroquia, nunha chaira habilitada na ladeira do monte, amósasenos como de moi boa cantería, unha fachada con dous vans, un a cada lado da porta e un oco hexagonal sobre ela aportan luz ao seu interior, un tellado a dúas augas con catro pináculos nos seus extremos; dúas cruces, unha rematando o pequeno pero artístico campanario, a día de hoxe sen campás e unha cruz de pedra na traseira do tellado. Diante da portada un sinxelo cruceiro axuda a engrandecer o conxunto.

A festividade de San Xosé, pai adoptivo de Xesús e esposo da Virxe María, é celebrada o 19 de marzo.

A ermida

Que orfa e que tristeira está

a ermida no monte solitario!

A min dáme moita señardá

ver sen campá o seu campanario!

A Chá. A ermida é algo alleo

neste monte raso, carqueixeiro.

Non sei que pregara ao ceo

o sitio da campá, oco e baleiro!

Manuel María.

rafadcg@r.gal

23/11/2024









23/11/2024