CARLOS CASARES


Carlos Casares Mouriño, un dos persoeiros máis relevantes, no ámbito cultural de Galicia, do último terzo do século XX, viviu entre 1941 e 2002 e foi homenaxeado nas Letras Galegas de 2017.

Sempre que me lembro del acoden á miña memoria, non sei o "porqué" varias pasaxes da súa vida, a saber: O día que no aeroporto de Lavacolla, quizais agardando un voo, tomaba un café nunha mesa moi próxima á miña; outro fotograma recorrente é o dun retrato seu no balcón do Pazo de Raxoi, na Praza do Obradoiro en Compostela, coa catedral ao fondo; e a terceira imaxe, unha fotografía, na inauguración da estatua que no Café Novalty (soportais da Praza Maior de Salamanca) lembra a o seu amigo, Torrente Ballester, cliente deste establecemento na súa etapa da vida na cidade Charra.

Nace na cidade de Ourense. Aos tres anos trasládase a Xinzo de Limia, onde pasará a infancia, alternando con algunhas tempadas na aldea de Sabucedo, onde tiña un tío médico. É o segundo de tres irmáns. O pai, mestre, home de esquerdas, marcará profundamente a vida de Carlos. A súa nai, Manuela de fortes conviccións relixiosas debido ao paso da súa infancia cun tío cóengo, na Catedral de Ourense; un irmán da nai tamén era crego. Este carácter relixioso da Nai influirá para a entrada de Carlos no Seminario. A súa nai, castelán falante, mais Carlos, beberá do galego tradicional, plenamente vivo nese ambiente rural e que lle servirá como base para toda a produción como escritor e orador. El afirmaría anos máis tarde: "Eu expreseime sempre moito mellor en galego", lingua que defendeu arreo e pola que estivo preocupado toda a vida.

Estudos Primarios en Xinzo de Limia. Con 11 anos ingresa no Seminario de Ourense, onde está prohibido falar galego. Aquí comeza a amosar xa o seu compromiso coa lingua, converténdose en único redactor e director do xornal "O AVERNO". Os últimos anos de bacharelato, fainos por libre, estudando nunha academia en Xinzo e examinándose no Instituto de Ourense. Locutor nun programa de Radio en Xinzo. Neses anos consegue unha chave da Biblioteca e pode achegarse á narrativa universal. Tamén gaña un concurso de contos de Nadal, feito que lle permitiría coñecer ao intelectual galeguista, Vicente Risco e acudir aos seus faladoiros no Café Parque en Ourense,. Xa por eses anos, coñecía a Otero Pedraio, por ser amigo dun tío seu e xa estivera no Pazo de Trasalva en varias ocasións. Coñece tamén a Uxío Novoneira, que lle recomenda a lectura de poemas de Arcadio López Casanova, que coñecera ao chegar a estudar a Santiago, así como a Ramón Piñeiro que marcará o seu futuro. Así e todo ten que rematar a carreira en Oviedo, debido ás discrepancias que tiña con algúns profesores da Universidade, motivadas por temas políticos.

Xa, como profesor, comeza a impartir clases de Lingua e Literatura no Colexio Libre Asociación en Viana do Bolo, dependente do Instituto de Ourense. Acusado de insubordinación e de ser autor dunha obra de teatro crítica co Réxime, foi expedientado e prohíbeselle o exercicio da profesión en todos os Centros de Galicia. No Colexio Vizcaia, en Bilbao, tampouco estivo exento de problemas e soamente estivo un ano. En 1974 aproba as oposicións de Lingua e Literatura Española e obtén como destino o Instituto María Soliña de Cangas (aquí impartirá clases durante oito cursos). Seguirá no ensino ata 1996 no Instituto Santo Tomé de Freixeiro en Vigo, compaxinando as clases con outros labores que trataremos de ir expoñendo.

Nunha das viaxes de volta a Galicia dende Bilbao, en tren, coñece a Kristina Berg. Carlos ía cara Santiago para entregar a Ramón Piñeiro unha edición crítica de "Aires da miña terra" de Curros Enríquez, Kristina dirixíase a A Coruña para saír embarcada para o seu País, Suecia. Acode a coñecer Compostela da man de Carlos, un mes e medio despois, outubro de 1971, casan. Vivirán en Ourense e pasarán tempadas en Suecia. Carlos aprenderá rapidamente sueco e será un gran admirador da cultura e do xeito de vida dese País. Constata o abismo que existe entre a social-democracia de Olaf Palme e a España de Franco. Kristina falece en Vigo en 2012, logo de ser Presidenta da Fundación Carlos Casares dende a súa constitución en 2003. Tiveron dous fillos: Hakan e Christian.

A obra:

NARRATIVA , apóiase en dúas bases fundamentais:

-A realidade vivida polo autor dende a infancia ata a morte.

-A ficción da que tanto gustaba.

As tres primeiras obras responden ao chamado "Ciclo de aprendizaxe", nelas o presente da narración alterna coas lembranzas do pasado.

"Os escuros soños de Clío" fannos lembrar os contos de Alvaro Cunqueiro, nada estraño coñecida a admiración que Carlos sentía polo autor de Mondoñedo.

"Ilustrísima" é unha novela realista que xira ao redor da figura dun bispo liberal de Galicia de principios do século XX.

"Os mortos daquel verán" nesta novela trata do medo vivido nas Vilas galegas e a represión exercida polos vencedores da Guerra Civil.

"Deus sentado nun sillón azul", está considerada como o cume da súa obra novelada, foi a última publicación en vida.

"O sol do verán", obra póstuma. Narra unha historia de amor.

ENSAIOS BIOGRÁFICOS, cultiva o ensaio ou a biografía, sobre todo ao redor de personaxes cos que mantivo unha fonda amizade e dos que gardaba unha boa lembranza: Torrente Ballester, Ánxel Fole, Vicente Risco, Otero Pedraio, Curros Enríquez, Ramón Piñeiro... Ramón Piñeiro non podía quedar á marxe dos seus estudos, sendo varias as aportacións que do seu mestre e guía político fai:

-Ramón Piñeiro: Unha vida por Galicia .

-Da miña acordanza: Memorias dun intelectual, que será preparado por Carlos logo de longas horas de conversa co seu mestre.

-Contribuirá a un libro editado pola Xunta, sobre Ramón Piñeiro, co apartado: Ramón Piñeiro na memoria.

Os estudos de Carlos abranguerían tamén a outros persoeiros: O P. Sarmiento, Francisca Herrera, Fermín Bouza Brey ou Heminguey .

OBRA INFANTIL, forma Casares parte dun grupo de autores como: Bernardino Graña, Manuel María, Xohana Torres, María Xosé Queizán ou Xosé Luís Méndez Ferrín, que entenderon a creación de obras para nenos como unha necesidade, anos atrás básica para o país:

"A galiña azul", reflicte o dereito á diferenza, coa parábola da galiña que pon ovos diferentes e cacarexa: cacarocó e non cacaracá.

"A laranxa máis laranxa de todas as laranxas", primeira creación en galego de teatro para nenos e nenas.

"O can Rin e o lobo Crispín", representación da vida no rural galego, con tono de humor e onde abundan os personaxes de animais personificados.

"Toribio", Conxunto de cinco contos.

"Un polbo xigante", de ambiente marítimo, no que o tema da infancia ou a vida e a morte aparecen en toda a narración.

ARTICULISTA

-No Averno: "Castigos e labazadas".

-A Rexión de Ourense (1968-1974): "Con esta lupa", con Siro López.

-Na Voz de Galicia: "A ledicia de ler"

" Á marxe" (columna), entre 1987 e o día anterior á súa morte, 2002.

Malia a ser estas nomeadas as publicacións de maior interés, tamén colaborou con xornais como: O País, Faro de Vigo ou revistas como Encrucillada, Teima e Grial que chegou a dirixir.

TRADUCIÓNS

Ao Galego:

-O Principiño.

-Os escaravellos voan á tardiña.

-O vello e o mar

A maioría da súa obra narrativa ao castelán.

O CASARES POLÍTICO

-Desde o seu escano no parlamento de Galicia impulsará e participará na redaccion da Lei de Normalización Lingüística.

Participará:

-Na creación do Consello da Cultura Galega.

-Na creción da RTVG.

Soamente participa no Parlamento na 1ª Lexislatura, incorporándose logo á Editorial Galaxia.

CONVERSAS DE CAFÉ

En Ourense debatían arredor da Literatura Universal do momento: Hemingway, Camus...

En Compostela, en palabras do propio autor: "Xuntabámonos a discutir de política, aprender a lingua, cambiar libros prohibidos...

As conversas con Torrente en Vilariño da Ramallosa xiraban derredor do debate filosófico.

NA EDITORIAL GALAXIA

Dirixiu Galaxia dende 1986 ata a súa morte. Sucedeu na Editorial a Ramón Piñeiro e foi o seu relevo Víctor Fernández Freixanes

NA REAL ACADEMIA DA LINGUA GALEGA (RAG)

En recoñecemento á súa traxectoria literaria e ao seu labor de espallamento da cultura ingresa na Real Academia o ano 1978 cun discurso titulado: " O desastre de 1898 e os escritores galegos". Discurso contestado por Francisco Fernández del Riego.

PRESIDENTE DO CONSELLO DA CULTURA GALEGA

Dende 1996 ata o falecemento, o seu empeño pasaba porque o Consello colaborase na modernización da cultura galega.

Subliñarei como remate deste recordatorio que nos atopamos diante dun gran intelectual, un escritor do mellor, un tertuliano sen par e unha persoa moi culta e tolerante.

Hoxe, 9 de marzo de 2024, cando se cumpren 22 anos do seu pasamento e xa nos achegamos aos 7 dende que foi agasallado coas Letras Galegas, quero deixar constancia, con estes breves apuntamentos, de figura tan significativa das Nosas Letras e dunha obra na que debemos de beber e seguir estudando pola súa grandeza e polos valores que nos aporta.

9/03/2024

rafadcg@r.gal