CASTELAO MAXISTRAL

Hoxe remata o ano 2018 e, como vén sendo habitual, os distintos Presidentes autónomos agasállannoscoa tradicional mensaxe de Fin de Ano. O de Galicia, Núñez Feijoo, elixiu o Gaiás, cidade da cultura en Compostela como marco para o seu discurso e, como fondo para a súa elocución -na que comezou facendo referencia a obra pictórica de Castelao- "A derradeira lección do mestre".

Este lenzo, de máis dous metros de altura, baseado na estampa sexta do seu Libro Galicia Martir de 1937, co tema do mestre asasinado, é o centro da mostra que baixo o título "Castelao Maxistral, a boa obra ao mestre honra", puidemos, dende outubro e ata o 3 de marzo contemplar no terceiro andar do Museo Centro Gaiás. Eu visitei a exposición uns días antes do Nadal, na compaña da miña dona, Carmen, e agora lémbrama o discurso do Presidente, pois nosoutros tamén nos retratamos co excepcional óleo de fondo. É un magnífico cadro non só polo seu prezo pictórico, senón polos valores que representa: do que nunca debeu de ocorrer naquela fraticida loita, entre 1936 e 1939 que foi a Guerra Civil Española. Esta obra pintada polo ilustre Rianxeiro en Bos Aires, en lembranza do seu amigo, Alexandre Bóveda, fusilado na Caeira (Pontevedra) nos primeiros días do Alzamento Militar, e que nos serve de guía, para denunciar que a intolerancia e a falta de respecto, ás ideas, non teñan cabida nas nosas vidas. Con el quérenos Castelao achegar que a educación, a través da escola, e o mellor antídoto para combater aos intolerantes e apuntalar a convivencia e o respecto á pluralidade de ideas.

A obra, (propiedade do Centro Galego de Bos Aires, pintada en 1945, cinco anos antes do seu pasamento, nesta cidade arxentina, onde vivía exiliado, logo de transitar por Nova Iork e A Habana), -está acompañada dunha mostra que nos amosa a situación do ensino en Galicia, naqueles anos da República e dos traballos que Daniel nos deixou cos seus debuxos e escritos a favor do ensino en liberdade e en galego- terá que regresar á súa orixe, sendo unha mágoa, que non poidamos contar aquí con ela, para que non perdamos de vista a maxistral lección que representa e nos guíe polo camiño afastado da barbarie que supuxo aquela brutal contenda.

Foi esta a segunda vez que visito a Cidade da Cultura, as obras aínda continúan..., este faraónico complexo, deseñado polo arquitecto norteamericano Peter Eisenman, aglutina: O Museo Centro Gaiás, a Biblioteca e Arquivo de Galicia, o Centro de Emprendemento, o edificio CINC, adicado ás novas tecnoloxías e as Torres Hejduk

De seguido cursamos visita á Biblioteca de Galicia, onde ademais dos fondos que acolle, con máis de oitocentos mil volumes e as distintas salas de lectura, consulta e investigación, así como cunha copiosísima hemeroteca, puidemos ver dúas mostras expositivas: unha, sobre o paralelismo da lingua galega e portuguesa dende a Idade Media ata a actualidade e que máis adiante poderá ser visitada en Porto, outra, sobre a homenaxeada este ano que esmorece nas Letras Galegas, María Victoria Moreno.

De seguido, xantamos na Cantina, para finalizar a visita cun percorrido polo Parque do Lago, o Xardín Literario (adicado aos poetas e escritores galegos), o Parque da Balea para lecer dos cativos cun colosal monstro mariño inspirado nos debuxos do pintor Urbano Lugrís. Cun retrato aquí e outro acolá, comentando a grandiosidade do complexo, as súas marabillosas vistas sobre a capital da Comunidade, as gabanzas do bosque de Galicia, nas súas ladeiras no que medran: bidueiros, salgueiros, castiñeiros, carballos..., verdadeiro pulmón de Santiago, demos remate a, esta segunda visita, a polémica Cidade da Cultura no Monte Gaiás en Compostela...

rafadcg@r.gal

31/12/2018