CAZA, TIRO AO PRATO, PESCA

Cando un nace a carón do monte e ten que realizar actividades neste medio, cun pai cazador e cunha avoa materna, a avoa Carmen, que me falaba de caza, narrando os días que, de mociña, acompañaba a seu pai polos montes de Forcarei, na procura das perdices, sendo a encargada de velar os seus voos, dende a mula, que os auxiliaba nas cacerías; esperta cociñeira en preparar coenllos e perdices; E se un pasa os seus primeiros anos tendo que acompañar o gando ao monte e ir na súa procura, acompañado de cans coenlleiros, ten case todos os boletos para sentir apego pola caza e converterse en cazador.

A maior parte dos anos que practiquei este deporte, estiveron dedicados á caza de coenllos, anos dos que lembro excelentes cans e cadelas: O Pelé 1, A Parrala, O Pelé 2(fillo dos dous primeiros), o Tudó, A Massiel, o Draque..., por citar algúns e sempre cazando nos cotos de caza de Cotobade ou Verdeseixo, sen practicamente saír a outros cotos, e sempre practicando unha caza a rabo, que diría o cazador Miguel Delibes, que é o tipo de caza que considero verdadeiro deporte. Os últimos anos, que cacei, aumentara a perdiz nos nosos montes e na compaña doutros, cazadores amigos, Xico, Victoriano ou Avelino Lage, percorrín os montes do Coto acompañado polo Campión ou a Pinta, na procura desa alfaia cinexética, a perdiz vermella, que entrou en decadencia, case total, coa abandono dos montes, a falta de cultivos e a chegada do xabaril aos nosos montes.

Herdei de meu pai unha escopeta, marca Saint-Étienne, de canóns paralelos, estriado o dereito, moi apropiado para tirar a pezas que se atopan preto, e liso con pouco diámetro na saída o esquerdo que o fan axeitado para distancias maiores, coa que cacei algún tempo; máis adiante, entre os anos 1975 e 1986 participei nalgunhas tiradas ao prato de ámbito local, a maioría delas en festas e algunhas no campo de tiro de Augasantas no Concello de Cotobade ou no de Bora no Concello de Pontevedra, das que conservo algúns trofeos; nestes anos merquei unha escopeta, de canóns superpostos, marca Zabala Irmáns, que máis adiante me acompañou na caza de perdiz. Ambas armas pertencen, a día de hoxe, ao meu sobriño Rubén Cabaleiro de Castro.

Así como fun un cazador prematuro, fun un serodio pescador, iniciado neste deporte, nos meses de estío, polos amigos da bisbarra, moitos deles afeccionados á pesca, sendo Victoriano Vidal e Francisco Rivas, que coinciden cos compañeiros de caza de pluma aos que mais acompañei e dos que recibín as primeiras ensinanzas. Practiquei este deporte, sobre todo, nos meses de verán, que coincidían coas vacacións, podendo por aquel tempo facelo (nos tramos de ríos libres) todos os días, agás os luns. Probei o xeito de pesca con distintos tipos de cebos naturais e artificiais. Experimentei con miñoca ou isca, máis resultábame moi embarazoso ao ter que empregar chumbos, que fan enredarse a sedela ou o anzol nas moitas ramalleiras existentes nan beiras do leito dos ríos, ademais de ser un tipo de pesca para a que se require moita paciencia, pois, por veces, a picada tarda en producirse. Pouco a pouco fun especializándome na pesca con besbello (larva da que sae o cabaliño do demo) con pouca tanza e fixa, con cana de punteira moi fina e sen carrete; con este cebo acostumei a facelo nos meses de maio e xuño, para nos meses de xullo e agosto empregar o saltón coas mesmas características na cana, cos caudais moito máis baixos e coa troita moito máis achegada ás ourelas, agardando a comida que cae das beiras do terreo ou das árbores e menos do arrastre das augas.

Pesquei, sobre todo nos ríos: Almofrei, Verdugo, Lérez e Oitavén e no regato que dende a Cavadosa, en Caroi, baixa ao Lérez en Cerdedo e, tamén, na época de verán, algunhas xornadas no Tea, no tramo dende Maceira a Prado por Fofe.

25/03/2022

rafadcg@r.gal