CENTRO CULTURAL

Tal e como se prometera, para este dobre Xacobeo, Cerdedo-Cotobade xa conta dende o pasado mes de marzo de 2022 con outro Centro Cultural na parroquia de Carballedo.

Bautizado como "Centro Cultural e Turístico "Antonio Fraguas", veciños e numerosas personalidades políticas entre as que se atopaba, o por aqueles días, Vicepresidente da Xunta de Galicia, hoxe Presidente, Alfonso Rueda de Valenzuela, asistiron á inauguración. Acto que deu comezo cunha visita polas instalacións guiada polo Alcalde do Concello, Jorge Cubela, que falou de que este edificio servirá para fomentar máis a unión veciñal e facer máis dinámico o Concello; de seguido, tiveron lugar unha serie de intervencións de distintas pesonalidades, para rematar coa actuación de Roi Casal e o seu grupo que ofreceron un breve concerto.

Este edificio que fixo no século XX as funcións de carpintería, onde moitos nativos coñeceron o banco de carpinteiro, cravaron as primeiras puntas e deron os primeiros pasos coa garlopa para tornar lisas as superficies da madeira baixo a supervisión do mestre en carpintería Manuel Sarrapio e que serviu durante décadas dese mesmo século, para que moitos deramos os primeiros pasos de baile: valse, pasodobre, muiñeira ou xota por citar algúns ritmos, transformándose moitos sábados do ano en salón de baile, do que saíron non poucos casamentos e polo que pasaron moitas das mellores orquestras e conxuntos da época; e así mesmo ofertaba películas ou actuacións dalgúns faranduleiros e comediantes que por Carballedo transitaban... Logo de caer no abandono nos anos finais do século XX, recentemente foi adquirido polo Concello e logo dunha profunda rehabilitación, dirixida pola arquitecta local, María García, da comezo unha nova etapa co denominación antes mentada de Centro Cultural e Turístico.

Semella que cando se lle dedicaron as Letras Galegas a Antonio Fraguas, natural da parroquia de Loureiro neste termo municipal, e se tiveron que instalar dous grandes toldos, un na Chan, en Carballedo e outra na Carballeira de Famelga para celebrar os actos do Día das Letras, se viu a necesidade que tiñamos no Concello dun Edificio Multiúsos e parece que de aí partiu a idea que hoxe, marzo 2022, levou á inauguración deste Centro que pasou a denominarse Antonio Fraguas.

O edificio restaurado atopase no barrio da Chan, moi preto da Casa do Concello, do centro Médico, dos novos aparcadoiros e dos terreos adquiridos para a futura Residencia de Maiores. Unha sobriña-neta de Antón Fraguas: Carolina Martínez, deixou á vista a placa que da nome ao Centro e que serve de homenaxe a veciño tan ilustre.

O Centro, logo da remodelación, conta con dúas plantas con entradas independentes e un elevador entre andares, cunha extensión que se achega aos cincocentos metros cadrados. Na baixo acolle un vestíbulo para recepcións, exposicións e punto de información turística así como unha sala polivalente. No primeiro andar unha gran sala diáfana, despexada sen obstáculos, con escenario e axeitada para eventos que acollan ata 130 persoas.

No baixo expóñense neste intre, paneis informativos referidos a Antonio Fraguas, sobre a vida e obra deste etnógrafo, antropólogo e xeógrafo e os lazos de unión con estas terras nas que naceu, se criou e da que deixou tantos escritos, incluso o seu discurso de entrada na RAG, que leva por título: "As coplas que se cantaban nas Ruadas de Loureiro de Cotobade".

O 8 de xuño inaugurouse a mostra: "Pontevedra en América: unha mirada en feminino", que pon en valor a Hª de 13 mulleres da emigración, nunha homenaxe encabezada por Nélida Piñón. Esta mostra percorrerá diversos Concellos da Provincia.

O 7 de xullo deste 2022, acolleu a presentación do libro: "Na lembranza dos veciños. Dispersos de Antonio Fraguas sobe as terras de Cotobade", obra de Clodio González Pérez (historiador, etnógrafo e biógrafo de Fraguas) e polo secretario do Museo do Pobo Galego e da Fundación Antonio Fraguas -Francisco Javier Sanjiao Otero-

Agardamos que este ritmo cultural co que comeza a súa andadura o Centro, non decaia e siga a facer esa función divulgativa da cultura, servindo de axente dinamizador para que as zonas rurais, tan en decadencia dende o golpe definitivo que sufriron na súa economía do sector primario, sobre todo logo da incorporación de España á Comunidade Económica Europea, poida ir ofertando outros alicientes que atraia e se é posible fixe a poboación que dende finais do século pasado e as dúas décadas do presente non fai máis que minguar0 (falta de nacementos e éxodo rural, ningunha alternativa ao que foi noutras épocas o Sector Primario da Economía (agricultura e gandería); Sector Secundario inexistente o que leva consigo que o Sector Terciario (servizos) sexa cada día menos necesario e ocupe e fixe a menos poboación.

rafadcg@r.gal

Agosto 2022