COA FIESTRA ABERTA

Dispúñame a comezar a traducir, do castelán ao galego, o terceiro dos relatos do libro "Contos de Marineda" de Emilia Pardo Bazán, intre no que o seu título: "As tapias do camposanto", fíxome erguer a ollada do ordenador, e dirixila case á liña do horizonte e albiscando, a pesar do día gris, chuvioso, e, de non posuír una perspicaz vista, unha parte do cemiterio do pobo; este treito de camposanto, que podo divisar dende a última talla dos eucaliptos que o ocultaban por esta banda, permíteme, ollalo polo día, e adiviñalo por algunhas pequenas luces nas horas nocturnas, sobre todo nas noites claras de verán, cando, antes de deitarme permanezo na fiestra, observando o acougo da noite, as estrelas, a lúa ou as luces escintilantes dalgúns avión que percorren este anaco de bóveda celeste que dende a miña alcoba se divisa.

Pois ben, nesta habitación contigua ao dormitorio, acostumo a pasar, sobre todo dende o retiro, varias horas diarias, ocupado na lectura, na numismática, na tradución ou nalgún que outro enredo doméstico.

Volvendo ao título, que me levou ao cemiterio, fíxome cavilar sobre as moitas cousa que tal ventá me ofrece e das que hoxe referirei algunhas: Dexergo dende ela un amplo espazo, nas traseiras dos edificios que compoñen este quinteiro: patios, tellados, azoteas, incluso un recinto verde á beira dun pequeno regueiro, o regato da Mouta, que a xeito de Guadiana, aparece e desaparece por debaixo das edificacións para na súa parte final ir totalmente oculto ata o mar, por recheos artificiais que foron afastando a súa desembocadura. Este regacho, de caudal bastante regular, flúe perpendicular á miña xanela, e podo observalo, polo día, a vista de paxaro e escoitar polas noites o seu murmurio; ofrece, xunto coa tranquilidade do lugar e a abundancia de auga un sitio idóneo e moi axeitado para as bandadas de pombas que ao longo do día: beben, báñanse, voan unha e moitas veces inquedas este espazo, danse aloumiños, apareanse, e poboan de actividade este recuncho ata que á noitiña buscan acubillo entre os moitos currunchos que tal estancia lle brinda. Tamén frecuentan a zona as gaivotas, sobre todo en horario vespertino ou en días de temporal, mais estas son unha molestia para as pombas ás que persiguen, arrebátanlle a comida e non deixan de importunar por veces entre una tremenda algarabía de sons.

Algúns días lembro aqueles pombais, símbolo de pazos ou casas grandes, construción petreas, circulares, cunha porta para acceder ao seu interior, sen teito e cun innumerable cantidade de reducidos habitáculos no seu interior -que ben pensados estaban!- que coñecín de neno na miña aldea e hoxe baleiros de contido,acaso a falta de alimento, ao deixar de sementar, fose a causa do seu abandono polas pombas.

De vez en cando, algunhas persoas, penduran ou recollen roupa dos múltiples colgadoiros que dende aquí diviso, mentres nunha casa de planta baixa a chimenea, na línea do cemiterio, semella non apagarse nunca e propaga á atmosfera un moi branco fume. Un merlo macho e outro femia achéganse, neste intre ao arroio, semella que beben ou peteiran na súa orela, xogan e de contado dan un voo para pousarse nunha das dúas camelias que ornan o patio dunha vivenda. A unha, de flores brancas, a outra, de flores rosas. As camelias cargadas de botóns e algunha que outra flor en sazón, máis a maioria murchas. Bonita flor, pero de pouca duración. Moi preto, na mesma estancia una ameixeira, que foi moi podada amosa as primeiras flores, anticipo da primavera.

Por fin, reparo nos tellados, algúns con bastantes tons verdes a causa das últimas choivas que semellan non ter fin e con abondosas antenas de televisión; logo reparo nas fachadas, onde predominan os brancos e os ocres en distintas gamas.

O regueiro, segue o seu curso, as pombas o seu trasfego, os merlos desapareceron, un gato branco, en actidude de caza apareceu en escena, quizais vente un rato nos arredores..., cerrouse a tarde en choiva e eu retorno á tradución cuxo título, deume pé para encher estas cuartillas.


rafadcg@r.gal

10/03/2018