CORENTA ANIVERSARIO

   Esperto, ergo con parsimonia a persiana do cuarto conxugal, afasto un anaquiño as albelas e longas cortinas, penetran na estancia as primeiras luces do amencer desta atoldada e bretemosa mañá de inverno facéndome pestanexar e, sen saber moi ben como si nin como non, permanezo, un bo intre, fitando un balón, que arrastrado polas augas do pequeno regato que dende a miña ventá diviso; leva xa varias xornadas xirando e xirando prisioneiro, nun remuíño que propiciado por unha pequena póla o mantén cativo, sendo impulsado, de seguido, pola forza motriz da auga, cal se dunha turbina se tratase. A tal hora, pombas e gaivotas, inquilinas do lugar, xa espertas e familiarizadas coa novidade, voan e voan os teitos e azoteas próximas, baixan a beber e peteirar derredor da presa sen importarlle o máis minimo a rotacion da pelota.

Cantas voltas levará dende o seu encadeamento? Terá que agardar unha enchenta para salvar este escollo, ou será rescatado por un operario de Augas de Galicia en tarefas de limpeza do regato? Quizais o libere un veciño próximo que, de cando en vez, asea a súa terraza e ten saída por un cancelo ao arrollo?. Por uns intres lémbrame esta rotación aqueles muíños cos que enredabamos nos xa distantes anos da infancia: unha coca de carballo, nas que se cravaban unhas palas e un eixe que apoiado en dous garabullos en forma de uve e colocado á distancia adecuada do chorro de calquera presa, xiraba e xiraba, facendo voar a nosa imaxinación...

Nestas estaba, cando me decato de que hoxe, xoves 6 de decembro, cumpre a Constitución corenta anos dende que foi avalada en referendo e a nación enteira se someteu a ela, logo de ser aprobada polas Cortes o 31 de outubro e ser ser sancionada polo Rei en 27 de decembro de 1978. Aínda conservo un exemplar amarelado, usado, bilingüe -castelán e galego-, que días antes chegou aos nosos fogares por Correo para informarnos do seu contido: Títulos, artigos, capítulos, sección, disposicións... Tamén conservo na memoria, aquel invernal e frío día, no que comparecín, constipado e tusindo, ás oito da mañá, para formar parte como vocal da Mesa Electoral, que a tal efecto se constituiu no Grupo Escolar, sito no barrio de Cuqueira, parroquia de Carballedo do Concello de Cotobade, moi preto da miña casa natal no lugar de Asperiña.

Logo virían días de esperanza, de ilusión para o pobo que deixaba tras de si demasiados anos de Ditadura, totalitarismo, miseria e represión...Tamén chegaron algúns sobresaltos e incertidumes, como aquel do asalto ao Congreso dos Deputados, naquel funesto e nefasto 23 de febreiro de 1981. Neste camiño sucedéronse gobernos de distintas cores, dúas pequenas reformas de contidos desa Carta Magna, máis o seu texto sempre foi ese "faro" que nos alumeou o tránsito por estas catro décadas.

Agora, como en datas anteriores, xorden voces no senso de reformala ou de estudar un novo texto. Agardemos que se tomen as decisións acertadas, para que este territorio poida seguir a gozar doutro periodo de PAZ, e mellora das condicións de vida e oportunidades coma este pasado, que cos seus altos e baixos é da miña acordanza.

Oxalá non quedemos prisioneiros do destino, como lle ocorreu á pelota do meu regato e poidamos seguir prosperando, senón máis de présa, ao menos coa mesma intensidade coa que o fixemos nestes corenta anos de Constitución que hoxe celebramos.

Deixo a fiestra, acordo acender a televisión, con certeza de que algo nos contarán sobre o tema do día. Nese variado e plural mercado dos medios, de seguro, que haberá opinións para todos os gustos, intereses e tendencias... Feliz Día e que acertemos a interpretalas.

rafadcg@r.gal

6/12/2018