CURA E SANCRISTÁN

Entre gripes, catarreiras e tempodesapracible, remataron as festas do Nadal e como bos navegantes puxemos proa á costa de xaneiro, que sucamos lentamente, non sen mar embravecido, que nos foi achegando á festividade de San Brais, xa metidos en febreiro, mes con moita sona de frío. Pois esta festa do día tres, santo, do que teño oído, que foi quen de rescatar unha espiña de peixe da gorxa dun meniño salvándoo da "gadaña", de aí a devoción que se lle presta como avogoso da gorxa, fregando a figura do santo contra o garneato, sérveme para lembrar, creo que nunha única ocasión, a miña asistencia a un día de novena, de tal santo, na ermida do seu nome na parroquia de San Martíño de Rebordelo, no concello, por aqueles días de Cotobade, e limítrofe coa miña de San Miguel de Carballedo.

Si, é da miña acordanza que sendo rapaz e por un só día de novena, asistín, seguramente na compaña dalgún familiar, non lembro con quen, a este acto relixioso. Teño este feito no maxín, pois, en día tal, coñecín a dous persoeiros cando menos singulares, que permanecen na miña memoria varias décadas despois do seu falecemento. Creo poder afirmar, aínda que non sería quen de xurar nada ao respecto, que en tal día un oficiaba e outro asistía de sancristán.

Do crego, vello xa cando eu o coñecín, ao que lembro dicindo a misa en latín e anos máis adiante en castelán (o galego aínda hoxe se lle atranca a unha parte do clero), lembro a súa rapidez, nunca outro tan veloz coñecín no desempeño da profesión que requería do sancristán, nas súas contestación, dilixencia semellante. Tamén permanecen en min, algunas frases e costumes de tan modesto persoeiro e nunca mellor dito, pois como don Modesto era coñecido. Citarei, como exemplo algunhas palabras que dende o púlpito dirixía aos fieis nas súas prédicas: "O roubo é unha mancha que non borra a auga";ou este comunicado para anunciar a hora da misa do próximo sábado (valedeira para o domingo) : "A misa será á posta do sol ". Por veces, aínda me parece que foi antonte, cando o vía, no fondo do "Arrodeo", xa eslombado, pingándolle a sotana cos seus redondos lentes e o seu caxato, sempre puntual, agardando polo abade de Carballedo, don Xulio, que con demora, chegaba no seu "Sinca Mil" e se encamiñaban a algún funeral ou misa solemne de patrón parroquial.

Do suposto sancristán desa novena, que eu coñecín en día tal, gardo algunhas lembranzas: Moi veloz nas contestacións da misa, como correspondía a cura tan dilixente. En canto ao seu físico, de que era pequeno non cabía dúbida, e nalgunha ocasión, cando algún dos mozos, compañía na que eu o lembro sempre, sendo solteirón e pasado de idade, lle preguntaba pola súa estatura, sempre respondía, con moita sorna e sen molestarse: "Un home é home dende que lle chegan os pés ao chan". Sempre que o vin, gastaba traxe con chaleco, garavata e zapatos baixos de sola, peiteado cara atrás o seu cabelo de nácara, ben afeitada de navalla a súa face redonda e avermellada; acostumaba rodearse da mocidade e levando a voz cantante en tabernas, festas, romerías ou seráns, nas que acompañaba as súas graciosas, ocorrentes e pachorrentas desertacións de cigarro feito á man e cunca de tinto. Xa para ir rematando, deixarei aquí constancia de que tal persoeiro, xocoso onde os houbera, cando os mozos e o tinto tiraban por el, narraba o último episodio do boi de posto do que era dono: Chegou un día un funcionario de Sanidade e estando o curral que encamiña á corte aberto e non contestando ninguén na vivenda, pacendo o boi na veiga da porta, achegouse ata o recinto, que estaba franco e baleiro para ollar as instalación. De aí a pouco regresou o noso heroe, e, téndolle preguntado o funcionario pola pouca salubridade da corte, engadindo que ía ter que promover unha sanción..., este respondeu: "Vostede está equivocado, aí vivo eu, o boi vive arriba".

Nin lle poño, nin lle quito, escribo tal como dos seus beizos o oín. Seguían gargalladas, comentos e balbordo da abondosa concorrencia. Xulguen vostedes e consideren os feitos.


rafadcg@r.gal

3/02/2018