DEZASETE DE MAIO

Maio longo, maio longo;

Fuches curto para min,

veu contigo a miña sorte,

volveu contigo a fuxir.

                                                                                                       Rosalía de Castro.

Mes de maio, mes florido... Mes das flores, coas que se engalanan moitos festexos ao longo dos seus trinta e un días: Festa dos maios, Letras galegas, Altares á Virxe de Fátima, Alfombras do Corpus etc. Son eventos nos que o mundo vexetal en xeral e as flores en particular cobran un matiz de protagonistas especiais ao longo deste mes.

Mes no que tamén florece a Lingua, a Lingua Galega nos medios de comunicación, nos actos que organizan Colexios, Institutos, Asociacións culturais, Concellos, Real Academia Galega... Mais faino de forma tan repentina e abrupta que se murcha cunha asombrosa prontitude, case nun abrir e cerrar de ollos: abrolla, medra, madurece, e esmorece, volvendo ao seu letargo invernal, como cousa vista e non vista... Sábese que está, coñécese máis que nunca, estúdase, por se acaso, cumprimos coa obriga de homenaxeala cun nome propio como estandarte e, xa está, ata o ano.

Naturalmente que me estou a referir aos xornais, e ao tratamento que ao idioma se lle dá, mais non é a miña intención achacar sobre eles, ou sobre os demais medios de comunicación, a responsabilidade de esparexer sobre a poboación, que tamén a teñen, un idioma determinado, eles fan o seu traballo, venden o que se lles demanda. Chegado o Día da festa: Unha portada en galego, algunhas novas sobre o persoeiro homenaxeado, ou sobre actos que derredor de tal evento ou da figura do ano teñen lugar, moitas páxinas -nalgúns casos dobres e en varios xornais- pagadas por empresas, concellos, deputacións... en tal día, algún valente colaborador que envía algo na Lingua Propia e misión cumprida. Pasado o día, pasa a romería. Todos contentos e grazas, polo de agora agradecemos que non nos invadan con outras linguas estranxeiras como está a ocorrer con nomes de negocios, marcas, slogans en camisetas e todo tipo de vestimenta.

De todo o visto e oído quédome coa viñeta da Voz de Galicia, -xornal no que tanto colaborou o noso homenaxeado este ano: Carlos Casares, coa súa columna diaria "Á MARXE", que con seguranza el rubricaría-, que diariamente inserta este xornal, viñeta de Xaquín Marín, co títuño de "O lecer de Isolino". Onde o noso compañeiro de cada día, sabio onde os haxa, nos di: HOXE É 17 DE MAIO, PERO MAÑÁ NON DEBE SER MENOS. Todo o demais é para o noso idioma bo como auga de maio, máis cousa tan efémera, tan pasaxeira como as flores que esmorecen con presteza, son bonitas, lindas, adornan, pero teñen que ser renovadas continuamente para que o seu fin perdure.

Para que o noso idioma floreza, acade mil primaveras máis é preciso que nós nos renovemos, que mudemos de forma de pensar, que non teñamos complexos de falalo, de escribilo, de pensar que o de fóra é mellor... Aquí non hai mellores nin peores, soamente distintos códigos de comunicación. E por outra banda, cantos máis códigos coñezamos e dominemos mellor, mais, sen vergoña, que non hai que tela e facendo bo o slogan: "Entre Nós, en galego".

rafadcg@r.gal

25/05/2017