DÍA DE LECER EN COMPOSTELA

Hoxe, once do mes de santos, celebramos en moitos lugares de Galicia a festividade de San Martiño, con abondosas referencias no refraneiro popular galego sobre: a matanza, o viño, as castañas... Mais, ningunha destas actividades nos ocupou, senón que o noso lecer, hoxe, na capital de Galicia, estivo encamiñado a tarefas culturais, compras, paseo... En fin, un marabilloso día de asueto e ocio, no que contamos coa complicidade do tempo: sen choiva e con excelente temperatura, pasado xa o ecuador do outono.

Dende a Avenida de Xoán XXIII dirixímonos á Praza do Obradoiro, centro neurálxico da Cidade, deixando á nosa dereita o Mosteiro de San Francisco, custodiado polo esvelto monumento, en granito, deseñado por Asorei e inaugurado unha véspera de Santiago en 1930. Nel podemos ler: "Al pobrecillo de Asís". Na parte máis elevada e mirando cara a Catedral, aparece o Santo cos brazos abertos en actitude de abrazar, semella un referente da súa peregrinación a Compostela; por riba Cristo enchendo de caridade ao santo. Pasamos ao seu carón e enfilamos cara o Obradoiro, comentando da grandeza artística do escultor de Cambados, e facendo acordanza doutras obras súas esparexidas por Galicia.

Xa, diante da Catedral, a Praza amósase repleta de peregrinos que, sentados, de pé ou deitados sobre as lousas, repousan do camiño e non deixan de disparar as súas cámaras fotográficas en todas direccións. Nós tamén botamos unha ollada arredor, para a continuación dirixir os nosos pasos cara o Hostal dos RR.CC., antigo Hospital de Peregrinos, non sen antes fitar a súa portada prateresca, onde en dous medallóns aparecen os bustos de Isabel e Fernando que dan nome ao, hoxe, Parador de Turismo. Dende a cafetaría, logo dun refrixerio, accedemos, a través dun dos catro claustros que presenta o edificio, á Capela Real, na actualidade transformada en comedor de eventos, aquí lémbrome de que foi bautizada a "Nosa Rosalía" alá polo 1837 e onde se lle impuxeron os nomes de María, Rosalía, Rita.

Deseguido achegámonos ao bonito Pazo de Fonseca, primeira sede da Universidade de Santiago e na actualidade Biblioteca xeral da amentada Universidade. Neste lugar, coincidindo cos oitenta anos do pasamento, -nesta cidade, no día de reis-, e cos cento cincuenta do nacemento de Valle Inclán, visitamos unha exposición organizada pola cátedra que leva o seu nome. Deixarei dito que o que máis me engaiolou, da mostra, foi a sala na que se expuña un elevado número de caricaturas do autor: moderna, ben presentada, fina, elegante e sorprendente son algúns dos calificativos dos que é merecente.

Pola Rúa do Franco, con moito ambiente nestas horas próximas ao xantar, camiñamos ata a Ferradura. Sabiamos da existencia dunha estatua de Valle Inclán, sentado nun banco e ollando á Catedral, quizais na máis bela postal de Compostela, mais antes atopamos coas Marías, de tan vistosa e charramangueira vestimenta, agora inmortalizadas na Alameda; unha parella sudamericana retratounos ao seu carón, e Carme devolveulle a cortesía. Con Valle fixemos, varias fotos, nese intre, acórdome do Marqués de Bradomín e das Sonatas, que me acompañaron este 2016, mentres as fun traducindo ao galego. Senteime un bocado ao seu carón, ollando os dous para a Berenguela, sentínme ben, xa case teño costume de saúdalo, pois debe de ser un dos persoeiros que máis aparecen polas rúas de Galicia. En todo caso, sempre causou en min certa atracción, certo misterio que o envolve, algo enigmático... Un "algo" que me empurra a seguir pescudando, sobre a súa vida e obra. Prometo que o farei.

Logo de xantar, nun restaurante na Rúa do Villar, ocupamos o tempo da tarde noutra exposición, na sede Afundación. Esta mostra, con motivo do Centenario do nacemento de Camilo José Cela, tiña por enderezo: "Compañías convenientes: diálogos contemporáneos co home poliedro". Aquí doce artistas actuais, interpretan obras de arte, obras literarias, obxectos e espazos da Fundación Pública Galega Camilo José Cela, ofrecendo unha nova visión do universo deste autor e as súas obras. Prestei especial atención a unha que se titulaba: "Xeografía do Rumbo". Instalación; xa que tiña que ver co Libro "Viaxe á Alcarria" traducido por min ao galego, en 2015. Mais a exposición, en xeral, non me aportou grandes sensación. De non ser o meu interés pola obra de Cela pasaríame inadvertida.

E sen mais andanzas, dignas de deixar por escrito, neste día tan sinalado, entretido, interesante e distinto na capital de Galicia, puxemos rumbo ao noso Marín de residencia, co ánimo disposto para tomar, á chegada, unhas castañas asadas cunha cunca de tinto do ribeiro na honra de San Martiño, xa que porquiño non temos para matar.

11/11/ 2016

rafadcg@r.gal