FOLLAS AO AR
O pasado mes de outubro, meténdonos xa na tempada da caída da folla, leo en PontevedraViva!com, a nova de que o Concello de Cotobade (agora, Cerdedo- Cotobade) en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística impulsaba unha iniciativa destinada á promoción dos seus espazos naturais ao mesmo tempo que se fomentaba o uso da lectura, e máis en particular o da lectura en galego. Os seus titulares, coinciden coa época estacional na que se pon en marcha: "FOLLAS AO AIRE".
A noticia, non me pasou inadvertida, quizais por ser eu natural de Cotobade e seguir acotío os eventos que por alí se producen; Estimei que era unha boa idea achegar a lectura, aproveitando calquera maneira posible, ao pobo, mais, quedei matinando ao longo destes pasados días sobre a época do ano en que se puña en marcha, mediado o outono e co inverno por vir: outono húmido, inverno frío, lugares sombrizos... e en como sería a urna?, se estaría aberta ou pechada?, que medio se arbitraría para acceder ás lecturas?, talvez un carné?... Así e todo recibín a novidade con ledicia, mais cun certo receo en canto á viabilidade e á época de implantación.
Comentei o feito cun compañeiro, que acostuma a pasar os fins de semana no Igrexario (Parroquia de Loureiro), e insteino a unha inspección ocular da urna e do banco de Arufe, non lonxe da súa vivenda. Chegaron as súas novas: O posto de lectura non se atopaba en Arufe, senón na Carballeira do Regueiro do Can (na ruta do foxo do lobo) e describiume as circunstancias que atopou no sinalado lugar, sendo a máis destacada, e que daba contestacion aos meus principais interrogantes, a de que a urna estaba aberta.
Anotei na miña axenda os dez lugares, con banco e urna de lectura, todos eles xa coñecidos por min, mais, como posibles destinos de ruta de sendeirismo para a vindeira primavera e que agora sumaban un novo aliciente. Xa eu me vía, na compaña de Carmen, percorrendo as varcias camiño do río Almofrei en Carballedo, onde tantas veces me bañei, onde aprendín a flotar naqueles pasados estíos da miña xuventude ou, collendo o camiño, preto dos muíños da ponte na Chan, para ir ata Arufe seguindo a verea que pisei de adolescente a miúdo, con carros ateigados de pólas dalgunha corta de madeira para cociñar e no inverno quentarse, volvendo a tripar por lugares con nomes deprendidos na miña nenez: Sante, As Coutadas, O barrio do Sabugueiro, -xa sen poboación dende antes da miña acordanza-, As Brañas, ou, o tamén hoxe despoboado, barrio de Arufe... E todo iso camiñando entre unha frondosa e mesta vexetación: carballos, ameneiros, eucaliptos, castiñeiros, urces, loureiros, piñeiros etc. e toda variedade de maleza entre a que non falta o fento, o toxo e as silveiras, que fan desta fraga unha fonte de osíxeno para bisbarra. De seguro que iremos acompañados, en mañá tan primaveral, do rechouchío de paxaros: merlos, pegas, corvos, lavandeiras, rulas, pombos, carrizas, paporroibos... que se atoparán moi afanados na elaboración dos seus niños e inundarán este bosque coa súa algarabía.
Deixaría para posteriores excursións, outros puntos de lectura sinalados, tamén de moito encanto, coma o da Carballeira de San Xusto, Carballeira de Cuspedriños, Ponte de Almofrei, Miradoiro de Coirego etc.
Mais, este 21 de Nadal, leo na Voz de Galicia, a reseña de que algunhas urnas, senón todas, foron asaltadas e mesmo, nuns casos, roubados os libros (Fortes Bouzán, Antonio Fraguas, Manuel Rivas, Nélida Piñón, Neira Vilas, Castelao etc. en busca e captura) e noutros, substituídos por fotonovelas de Corín Tellado. Supoño que aparecerán máis datos, precisos para unha xusta valoración. Probablemente se califique este acto de "rapazada", haberá que agardar, mais eu pregunto: a quen poden mancar estas iniciativas?
Algo proía en min dende a novidade da implantación, algo que non atinaba a ver, pero que me causaba inquietude: "Non se fixo o mel, para o padal do asno".
rafadcg@r.gal
22/12/2016