FÚTBOL E FÚTBOL SALA

Xa dende neno, un dos enredos que máis me apaixoaba era xogar á pelota, xeito que tiñanos de nomear o fútbol na década dos anos cincuenta, xogabamos con calquera cousa redonda, os balóns e os campos regulamentarios eran moi cativos, escasos ou simplemente non existían; o mesmo ocorría co material de indumentaria: botas, medias, calzóns e camisetas eran material case descoñecido. A televisión estaba por chegar e soamente a radio, con voltímetro e chea de interferencias, alimentaba as nosas ansias e estimulaba a nosa imaxinación. O Carrusel Deportivo, da Cadea SER, os domingos, familiarizábanos coa xerga, cos equipos, coas cores de cada formación, cos xogadores, campos de xogo de cada conxunto, adestradores etc. e facía voar a nosa imaxinación, apuntalada despois polas caixas de mistos con caricaturas ou os cromos xa con retratos das figuras do momento..., aínda así con estas carencias: caneabamos, xutabamos, rematabamos coa testa e botabamos cambadelas. Coa miña chegada ao Instituto e ao longo do bacharelato fomos guiados cara outras modalidades deportivas: balonmán, baloncesto, balónvolea..., mais, a cabra tira ao monte e o fútbol seguía aí, mágoa que non existisen escolas de fútbol como nos últimos tempos.

Co Canón de Pau, equipo que xogaba no pequeno Campo do Emigrante en Carballedo (Cotobade) fixen os primeiros partidos de fútbol e participei nun primeiro campionato, formando como extremo, con Equipos como: Anduriña de Vilanova (Cotobade), Alba de Lérez, Tambo de Marín, Timonel de Seixo, Marcón..., Campionato que ganou o Tambo de Marín. Unha selección de xogadores dos Equipos participantes, na que fun incluído, xogou contra o Tambo, no Campo de San Pedro en Marín, no partido que serviu de homenaxe ao Campión e no que se entregaron os trofeos aos equipos e xogadores que os acadaran no Torneo.

Este Campionato, deume a coñecer e facilitou a miña fichaxe polo Equipo xuvenil da Cultural Deportiva Salcedo, xunto con Justo, tamén de Carballedo, procedente do Canón de Pau e que xogaba de lateral dereito. Era o meu último ano de xuvenil e proclamámonos campións do noso grupo.

De seguido xoguei varias tempadas coa Cultural Deportiva Salcedo senior, con excelentes resultados e sempre coa dirección de Xaquín Moya, ata que o Servizo Militar, na cidade de Ferrol, me impediu seguir xogando co Salcedo, pasando un ano sen competir. Unha vez rematada a Milicia, incorporeime ao Anduriña do Grove, equipo que militaba na Rexional Preferente, con partidos por todo Galicia e que estaba entrenado por Moya. Na segunda Campaña no Grove xa non estaba Moya e diversos incidentes, en entrenos, con compañeiros de vestiario que non soubo, ou non quixo, arranxar o Adestrador dese momento, fixeron que abandonase o club, aínda que me declararon en rebeldía e non puiden obter a baixa. Pasado un tempo, un Equipo de Pontevedra, o San Patrik, chegou a un acordo co Anduriña, conseguiu a miña baixa e xoguei algúns partidos neste conxunto ata o meu pase a o San Martín de Vilaxoán, que xogaba os seus partidos como local no Arousán Campo da Lomba en Vilagarcía e co que logrei o ascenso de categoría a tempada que alí militei.

Chegado este momento, e ante os sacrificios que supuña o ter que entrenar lonxe da miña residencia e do meu traballo en Marín e a ocupación dos fins de semana, tomei a decisión de abandonar o fútbol.

Por aqueles anos comezaba o fútbol sala e, en Pontevedra, organizouse polo Grupo 7 a 9 un torneo que durou varias tempadas con primeira e segunda categoría. Animáronme a probar, pois os partidos eran en días de semana e sempre nos Pavillóns de Pontevedra. Fichei por un Equipo de Marín, "O Rompeolas" que xogaba na 2ª categoría. Con este equipo xoguei os primeiros partidos de fútbol sala, mais de seguida, antes de chegar a mediados de tempada "O Mercantil de Pontevedra", da 1ª categoría, se interesou por min, o Rompeolas facilitou a saída inmediata e esa mesma tempada fun campión de liga co Casino Mercantil, logo chegarían 3 tempadas máis como campión. Así o acredita o diploma e o trofeo, que agora consulto, que reza así: FÚTBOL-SALA, A Rafael de Castro García. Cuatricampión de Liga. O Casino Mercantil con agradecemento. 12- 7- 1980.

O Casino Mercantil deixou de financiar o Equipo de fútbol Sala e a maioría dos xogadores formamos co "García Blanco". Logo da primeira campaña, este Equipo involucrouse nun torneo de maior ámbito que o local, e que supuña ter que volver a viaxar, e a non dispoñer dos fins de semana, non quixen comprometerme e fichei polo "Comercial Durán" equipo formado por mestres, algúns compañeiros meus de estudo. Esa primeira tempada, no Comercial Durán, sufrín, xogando no Pavillón do Estadio da Xuventude, unha fractura de peroné, lesión que puxo fin á militancia neste Club e no deporte activo. Eran as vésperas do Nadal de 1981 e con trinta anos, deixaba o deporte da pelota, unha das miñas grandes ilusións dende cativo.

28/03/2022

rafadcg@r.gal