ISAAC E SAN ROQUE

Transcorren os derradeiros días de agosto, mes festeiro por excelencia en Galicia, sobrepasado xa o ecuador do verán, cando estou a piques de rematar a lectura dun dos últimos libros de Xosé Neira Vilas: "Isaac Díaz Pardo, crónica dunha profunda amizade", publicado en 2014 e que contén, ademais, case trescentas cartas que cruzaron o mar entre: Arxentina, Cuba e Galicia; amizade que perdurou e con moita intensidade, dende que se coñeceron en 1955 en Bos Aires, ata o pasamento de Isaac en 2012.

Sabido é, que Neira Vilas, casado, coa cubana, Anisia Miranda, trasládase a vivir á Illa de Cuba logo da caída de Fulxencio Batista (1959), onde el, e a súa dona, desempeñarían cargos importantes no organigrama tecido por Fidel Castro, nos primeiros anos da Revolución.

Pois ben, Díaz Pardo, que se atopa en Magdalena -Arxentina-, poñendo en marcha, cun grupo de emigrantes, a empresa "Porcelanas de Magdalena, Celtia S.A." é invitado a traballar en Cuba, como asesor e experto en Cerámica, para poñer en marcha estas industrias. Finalmente, non foi a traballar alí, mais, chama enormemente a miña curiosidade o xeito de similitude ou comparanza que nunha destas misivas enviadas por Isaac a Neira en 1961 a Cuba, fai das súas condicións de traballo na Illa: "Ser verdadeiramente útil, pois doutro xeito, non iría" comparándose co "Noso Señor San Roque", dicindo así: Eu como o de Montpellier: quero ir a Italia a traballar, a curar chagas, non quero ir a vender Coca Cola, a enriquecerme ou de turista a ollar monumentos.

Sorprendeume este simil da súa laboura coa do Santo Francés, e, lembro que estes días de agosto, concretamente o dezaseis, celébrase a súa festividade; aínda que no meu pobo natal, festas maiores da parroquia, festéxase o domingo seguinte ao día 16 deste mes de Santa María, venerándose na ermida da Chan e non na parroquial de San Miguel. Por uns intres, deixo a un lado o libro que me acompaña e recordo, cando de neno, aqueles novenarios, cantando ao Santo: Roque, santo, peregrino, líbranos de peste e males... Da procesión, dende a capela ata o campo da festa, para virar derredor do palco da música e facer o regreso na compaña do seu can -que porta o pan, do que se conta que llo levaba á fraga, cando enfermo de peste e que tamén lambe as súas feridas-, ante os acordes da banda de música e o estrondo dos foguetes que serpentean o ar, e o repenique das campás. Imaxino tamén ao Santo, polos camiños de Italia asistindo enfermos da tan temida peste negra, ou bubónica, alá polo século XIV e fago acordanza das moitas ermidas que na súa honra se ergueron: sen ir máis lonxe, no meu Concello de Cerdedo-Cotobade, ademais desta de Carballedo, lembro tamén a de Pazos de Borela e outras de moita sona pola xeografía de Galicia: San Roque na Moureira en Pontevedra, San Roque en Vigo, San Roque de Betanzos, coa solta do globo, San Roque do monte en Viveiro coa famosa cantiga dos mariñeiros: "boga, boga, mariñeiro, vamos pra Viveiro, xa se ve San Roque", por citar algunhas.

Finalmenrte os destinos de Cuba, a onde non chega a ir Isaac, fóron cambiando por outros mais escuros, moito máis afastados do entusiasmo con que se acolleu o triunfo da Revolución nos primeiros andares, mais a expresión das súas ansias, anhelos e desexos de ir, se realmente servía para algo, quedou plasmado nesa carta ao seu entrañable amigo e dá fe das firmes virtudes que posuía este pequeno persoeiro, pero enormemente xeneroso. Virtudes que Neira Vilas puxo de manifesto cunha emocionante despedida no cemiterio de Boisaca, en Santiago o día 6 de xaneiro de 2012, momentos antes de dar sepultura aos seus restos. Eu, do brillante e sentido adeus, resalto o seguinte paragrafo: "Aspiramos a que os máis novos, nenos e nenas, adolescentes e mozos, de Galicia, sexan coma ti"

4/09/ 2017

rafadcg@r.gal