JANDRI E TONI

Este mes de marzo, recén estreada a primavera, tiñámos unha cita subliñada no almanaque con vermella cor, Cecilia, Carmen e Eu: a voda da nosa sobriña Alejandra; ademais, no meu caso, nada menos que acompañala ao altar como padriño.

Engalanados como requería ocasión tal, en xornada que máis se asemellaba a comezos da estación estival que á primavera, cun celeste ceo, limpo, sen mancha de nube e cunha atmosfera en calma, achegámonos a este balcón sobre a baía de Vigo, que é a Casa Rectoral de Cobres, no Concello de Vilaboa, para recoller á noiva e acompañala á Ermita da Nosa Señora da Guía, promontorio sobre o que se alza o santuario e atalaia que nos permite adentrar a ollada na Ría de Vigo, cunha extraordinaria visión panorámica sobre a recortada costa, esculcala a babor e estribor e estender a vista ata as paradisíacas Illas Cies que vixían, protexen e custodian esta marabillosa incursión do mar, manifestada nesta e noutras Rías Galegas.

Percorremos, Jandri e Eu, o traxecto dende San Adrián, en coche vermello, facendo o derradeiro quilómetro, ata o pé da capela, coa capota abatida, onde convidados e noivo -acompañado da Nai-Madriña- agardaban, supoño que algo inquedos a chegada de Jandri, a pesar do mínimo retraso. Non puiden contrastar ben este punto ocupado como me atopaba en abrir a porta do veículo á noiva e ofrecerlle o brazo entre os disparos dos fotógrafos e de moitos acompañantes. En todo caso un dos emotivos momentos que se produciron ao longo do evento foi este da entrada ao Templo. A cerimonia, sinxela, acompañada dun grupo musical, chea de complicidade, na que a guapa noiva e o elegante Toni se comprometeron na presenza do representante eclesiástico e dos alí presentes, non deixou de depararnos intres inesquecibles. Parabéns Matrimonio!

Á saída, os consabidos pétalos e o arroz, preludiaron as felicitacións de familiares e amigos e o noso posterior retorno a Cobres, onde agardamos no portalón de entrada a súa chegada.

De seguido, nesta Rectoral, transformada, dende uns anos para acá, en casa rural comezou a celebración profana: recepción aos contraentes, solta de globos brancos por parte dos convidados que escoltaron aos vermellos que os xa marido e muller, deixaron ceibes, perdéndose no ceo con rumbo á ermita da Peneda no concello de Soutomaior ou cando menos ao mar -pois de ter en conta a Cunqueiro nalgún dos seus relatos de "Xente de aquí e de acolá"-: << os globos sempre tiran ao mar>>. Continuamos a celebración cuns entrantes a xeito de aperitivo, servidos na veiga da rectoral, rodeada de laranxeiras e adoviada para tal día, gozando da compañía de familiares e amigos, das vistas e do clima, mentres os recén casados estaban secuestrados polos fotógrafos polos bonitos recunchos que ofrece esta finca. Ágape e baile para os máis rumbosos acompañaron as horas do serán ata ben entrada a noite.

Alguns invitados pasamos a noite nesta acolledora, monumental e grandiosa casona que data de 1729, onde o hórreo, o enorme almacén de moedura, a bodega, a capela, os seus salóns, a biblioteca, os cuartos, a coqueta piscina... sorprenden ao visitante máis esixente... mais estes parámetros son dignos doutro escrito e non deben apartarnos, nin quero que resten protagonismo ao recente matrimonio neste día tan importante: Felicitacións parella, para vós desexo o mellor. Moita dita e grazas por reservarme un posto tan importante neste día.

rafadcg@r.gal

28/03/2019