LETRAS 2020


Onde está o mal? Onde está o ben?

Case sen decatarnos, paseniño, moi devagar, superados xa os dous meses do Estado de Alarma, pola pandemia do covid-19, transitamos xa polo dezasete de maio, data moi significativa para os galegos, pois dende 1963, -con motivo de celebrarse o centenario da publicación dos Cantares de Rosalía de Castro, vimos festexando este día como: O DÍA DAS NOSAS LETRAS.

E dicía case sen caer na conta, pois moitos dos actos lúdicos e culturais: charlas, conferencias, exposicións etc., tanto en Centros de Ensino, como por parte de Asociacións Culturais, Concellos, Deputacións, comercio en xeral, empresas, medios de comunicación, organismos varios..., quedaron minguados ou adiados para datas posteriores en espera dunha situación que permita a súa realización.

Aínda así, a Real Academia da Lingua Galega, -que tamén suspendeu o acto institucional, que tiña prevista a súa realización en Ferrol (Teatro Jofre) cidade natal do homenaxeado este 2020: Don Ricardo Carballo Calero; acto que foi posposto para o mes de outubro coincidindo coa data do seu aniversario de nacemento- conmemorou cun acto en Santiago de Compostela o día, depositando un ramallo de rosas brancas a carón da vivenda que o acolleu na cidade do Apóstolo e dedicándolle unhas agarimosas verbas o seu Presidente Victor Fernández Freixanes; para de seguido, recitar a Académica, Margarita Ledo Andión, uns poemas de don Ricardo. Logo todas as autoridades, presentes no acto, baixo o acompañamento dos sons da gaita tanxida por Susana Seivane, e a pesar das máscaras regulamentarias, fixeron voar polo ar de Compostela os fermosos son do Noso Himno. Culminando o sinxelo acto cun sentido e prolongado aplauso.

Deseguido, na compaña dun busto de don Ricardo, sito fronte á súa residencia en Compostela, O presidente da Real Academia da Lingua Galega esbozou algúns dos moitos méritos que o homenaxeado acugulou para ser designado a fígura destas Letras 2020: Falou de como no primeiro ano do Día das Letras Galegas (1963), con Rosalía de Castro como homenaxeada, el foi quen, no acto celebrado en Fonseca, disertou sobre os Cantares Gallegos da poetisa; contou como o seu discurso de entrada na Academia Galega estivo tamén dedicado a Rosalía e así mesmo como foi o primeiro catedrático de Lingua Galega na Universidade de Santiago en 1972 ou, de como a súa novela " A xente da Barreira" foi a primeira novela publicada en galego da posguerra. A súa obra poética, teatro, narrativa, ensaio, epistolario... é dunha magnitude e calidade extraordinaria. Logo, felicitou a todos os galegos nesta data e aconsellounos o achegamento á súa inmensa obra como espello da cultura do País.

A súa inclinación polo galego reintegracionista ou lusista, do que moito discrepo, non pode escurecer a figura tan sublime e digna do persoeiro, que tamén sufriu o acoso e a cárcere franquista polas súas ideas... Por todos os seus grandes méritos como escritor e como galeguista agardamos que volva axiña a tan ansiada normalidade ás nosas vidas e poidamos homenaxealo como se merece.

Onde está o verso? Onde está a prosa?

Onde está o home? Onde a muller?

Onde está a arte? Onde a política?

Onde está o mal? Onde está o ben?

Onde está o novo? Onde está o vello?

Onde está a inxuria? Onde está a lei?

Onde está o amor? Onde o desexo?

Onde está o mal? Onde está o ben?

Onde está a dereita? Onde a esquerda?

Onde o fastío? Onde o pracer?

Onde a verdade? Onde a mentira?

Onde está o mal? Onde está o ben?

Onde está a paz? Onde está a guerra?

Onde está o demo? Onde está deus?

Onde está o ceibe? Onde o escravo?

Onde está o mal? Onde está o ben?

Onde está o negro? Onde está o branco?

Onde está o traballo? Onde o lecer?

Onde está a norte? Onde está a vida?

Onde está o mal? Onde está o ben?

                                                                  Ricardo Carballo Calero

rafadcg@r.gal

17/05/2020