Letras Galegas 2024
Luísa Villalta Gómez
(A Coruña 1957-2004)
As Letras Galegas 2024 homenaxearán, por sexta vez a unha muller, Luísa Villalta Gómez, así o acordou a Real Academia da Lingua Galega no Pleno celebrado hoxe 29 de xuño de 2023.
Coincidindo co 20 aniversario do seu pasamento, lembraremos a esta coruñesa, docente, poeta, filósofa, violinista, que nos deixou, con 46 anos, a causa da meninxite.
A RAG, salientou o seu papel como: "poeta, ensaísta, do mundo do teatro e da música"; destacando a súa literatura como "esixente, rigorosa e xenerosa", onde tratou de "pensar o mundo contemporáneo" cunha obra marcada polo pensamento apaixonado, a procura do rigor e a exploración artística.
Licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa e Filoloxía Hispánica. Tamén obtivo o título superior de violín: tocando primeiro na orquestra de Santiago de Compostela e máis tarde coa Nova Orquestra Sinfónica de Galicia.
Como escritora foi moi prolífera e versátil: poesía, narrativa, ensaio, pezas dramáticas, textos de xornais e traducións.
Desenrolou ao longo da súa curta vida unha grande actividade cultural sobresaíndo polo seu compromiso social:
-Participou en Seminarios.
-Recitais poéticos.
-Deu conferencias.
-Colaborou en numerosas publicacións periódicas.
Faremos mención aquí a dous dos seus poemarios:
"Música reservada" e "Pensar en escuro"
Fixo da Coruña o espello da súa obra (xa que a súa creación ten como centro esta Cidade) á que nomeou no seu libro "En concreto" como: -Cidade tatuada na pétrea pel do mar-.
Ten numerosos poemas dedicados á súa cidade, do amentado libro "En concreto" do ano 2004, tomamos a poesía titulada "A Estación" que fala da súa cidade como terminal ferroviaria.
A ESTACIÓN
Onda nós nunca pasan os trens.
só chegan ou parten.
Por iso tamén somos nós
a nosa última estación
o noso amor definitivo.
Así podemos marchar
no único sentido posibel
ou esperar o avalo dos viaxeiros
para sentirnos expandidos nas miradas extrañas
que chegan arrastrando as bambalinas do mundo.
Onde nós non hai nunca outro destino
que ser un anónimo fin
ou un glorioso comezo.
Máis alá
máis alá somente o mar
e a incertidume da luz
o extremo
o abismo
o espello detido en nós.
Na Asociación de Escritores en Lingua Galega amosáronse satisfeitos coa elección da RAG e sinalan da poeta o seu carácter incorrupto. Unha placa, na que foi a súa casa, da Asociación de Escritores en Lingua Galega reza:
Nesta casa viviu e soñou a poeta
Luísa Villalta
aquí as súas mans modelaron
a lupa, os sons, o que habita no outro
lado da música, na poesía.
A Coruña 28 de setembro de 2014
Como profesora, tivo o seu derradeiro destino no IES Isaac Díaz Pardo de Sada.
Os seus restos repousan no cemiterio de San Amaro (A Coruña).
Muller de Literatura, pero tamén de teatro e de música. Preparémonos para profundizar na súa vida e obra e honrala, como é merecente, ao longo de 2024, xa que será a figura central das Letras Galegas.
rafadcg@r.gal
30/06/2023