LIMIAR: MEMORIA BATA 2020

Encárganme un encabezamento, a modo de prólogo, para este Documento-Memoria do ano 2020 da Asociación BATA.

Dicir 2020, é falar dun ano sinalado, que terá como apelido "Peste", ou mellor dito, ano do inicio desta epidemia, pois o remate, o meu pouco entender, aínda non se albisca..., e moito me temo que a volta a unha normalidade total se alongará no tempo.

Entendo que, con condicións de tal índole, os obxectivos e como consecuencia os contidos e as actividades dos diferentes servicios da Asociación: Colexio, Centro de Día, Vivendas, Respiro, Ocio sábados..., mutaron sobre o proxecto actual, do mesmo xeito que muta este maldito virus que, primeiro en cuarentena cos usuarios de BATA nos seus domicilios e logo sen unha actividade, digamos normal nos diferentes servicios, trastornou a maioría das planificacións que BATA oferta, de tal xeito que podemos falar dun antes e dun despois do cerre pola PANDEMIA.

Unha pandemia, inaudita, insólita, que está paralizando o Planeta, mentres non cesan os contaxios, cuarentenas, medidas de excepción, saturación de hospitais e o que é peor a perda de moitas vidas humanas. En fin, un panorama dramático, terrorífico, arrepiante...

Aínda así, BATA, durante os difíciles días da cuarentena, estivo cerca de Nós, das familias: con chamadas telefónicas, videoconferencias, información, consellos e apoio, tratando de achegarnos ánimos e facilitarnos información e axuda para calquera situación adversa que se non presentase cos nosos familiares.

Xa reanudadas as actividades, as cousas non volveron as ser como antes e gustaríame resaltar a capacidade de adaptación, ás novas medidas, que usuarios, profesores, monitores e todo o persoal de Bata están a amosarnos.

Agardemos que coa campaña de vacinación, anunciado o seu comezo para os primeiros días de xaneiro de 2021, se poida ir enxergando unha saída a esta tremebunda parentese, cun retorno as tarefas normais, anteriores a este pesadelo e, na MEMORIA do próximo anos, poidamos reflictir outras venturas máis ledas, deixando atrás este periodo adverso e irnos esquecendo deste inimigo invisible, traizoeiro, tremendamente contaxioso e criminal que a OMS bautizou, en febreiro, co nome oficial de COVI-19.

Un cordial saúdo para a toda a familia de Bata, co desexo de que o ano 2021 sexa máis ditoso.

Rafael de Castro García

rafadcg@r.gal