NA BARBARÍA
Ir ao salón de peiteado é unha das faenas que menos me agrada e para a que case nunca atopo día: acostumo a ir demorando a miña visita, retardando o intre, pospondo a hora... Mais, chegado o día, e, a consabida rolda de espera, debo recoñecer que é un dos lugares que case sempre conta con animación; centro de saberes de todo tipo, cátedra de entendidos en fútbol con opinións e pareceres de moito peso e valía, sitio de acollida de personaxes pintorescos, retirados ou parados de longa duración que acoden ao faladoiro para ler o xornal e contrastar o termómetro da Vila. Recuncho tamén de contos, de historias de mar que, algún embarcado, neste intre en terra, trae dende portos afastados e que comparte co dono e cos agardadores de turno.
Hoxe, nada maís entrar e acubillarme, decateime do asombroso coñecemento que os presentes posuían sobre o viño de Oporto e as súas calidades: doce ou non, sobre a súa cor, máis ou menos seco, tal ou cal marca, os barcos rabelos, as bodegas na ribeira de Vilanova de Gaia... Todas as opinión foron desfilando polo animado recinto, xurdindo variadas, e, cada cal, semellaba máis entendida que a anterior. Seguiuse, unha vez rematada a Liga de futbol, coas posibles fichaxes, tampouco faltaron as novas necrolóxicas, nin historias de paises exóticos e remotos, etc.
O barbeiro, -é dígoo en singular, pois, neste momento, está soamente á fronte do negocio un, dos tres que xa son da miña acordanza, o fillo máis novo-, é o verdadeiro animador, repartindo leria, dando xogo, apuntando temas, dinamizando a canto parroquiano agarda, vai de paso ou se asoma pola porta. Ademais da arte de rapar precísase ese outro don de vendedor, co que se nace ou para o que, naturalmente, axudan os anos e o coñecemento dos clientes, sendo entre outros factores unha arma importante para manter a clientela fiel: a confianza entre profesional e usuario.
A día de hoxe, moitas das barbarías son mixtas, mais esta de "José" segue sendo soamente de cabaleiros: Corte de cabelo e de pascuas en ramos un afeitado daqueles de brocha de sedas de teixugo e navalla ben asentada. Algo case en extinción, as cousas e os negocios mudan cos tempos, máis a súa función de noticieiro, parladoiro, xuntanza de entendidos etc., séguea a conservar.
Este oficio, que noutro tempo, case sempre, pasaba de pais a fillos, coma o do caso que nos ocupa, converteuse nunha rama da formación profesional co que a norma xeral, de sucesión na profesión, minguou moito.
Debo de ir dando remate a estes apuntamentos, pois a miña quenda, hoxe marcada por unha máquina expendedora, achégase, deixo o escrito, penduro a cazadora na percha, deixo os anteollos sobre o andel onde están dispostos os trebellos do oficiante e dispóñome a obedecer, por un tempo, as indicacións do mestre. Hai cousas que se aprenden de rapaz. Eu o feito de estar quedo e seguir as ordenanzas do barbeiro xa o aprendín de novo, con aquel primeiro peiteador que tiven, traballador de fin de semana, o Sr. Evaristo, que na súa casa do barrio da Igrexa onde armaba a sala os sábados pola tarde, ameazábanos dicindo que, -estouno a oír-, de non estar quietos, encheríanos de escaleiras ou cortaríanos unha orella. Vou alá. Agardemos saír ben do trance e coas orellas ben guichas.
13/06/2017