NA BOEGA(1)

            Co inverno dando as derradeiras rabexadas, nunha mañá de chuvieiras e unha tarde fresca mais na que o sol acompaña, onde semellaba asomar a primavera, pasamos unhas horas no veciño país Luso, as catro parellas amigas que dende moitos anos atrás nos vimos xuntando, venres tras venres, para acompañarnos no tránsito por este mundo e contarnos e compartir os avatares da vida, aledándonos cando son favorables e tratando de aportar consolo, axuda e ánimos cando a fortuna a algún se lle presenta esquiva.

Deixando á marxe a climatoloxía, a xornada resultou entrañable, ao menos baixo a óptica de quen escribe, ata o punto de que se falou da posibilidade de realizar xantares semellantes, con máis frecuencia e en espazos a determinar.

Apenas os coches atravesaron o portal da Quinta, seguindo o empedrado camiño, flanqueado de árbores e arbustos, que nos deixaría aos pés do Pazo, sorprendeunos a inmensidade do terreo que circundado por un muro e a xeito de socalcos se vai achegando ao val do Miño; río, que xa dende moito antes vén facendo de raia entre españois e portugueses e que dende aquí se nos amosa como sereno, maxestoso, moi caudaloso, moi preto xa de entregar as augas ao Océano entre as localidades de Camiña e A Garda, sempre coa atenta ollada do castro de Santa Tegra, sobre o areal de Camposancos. As vistas sobre a ribeira, cunha frondosa natureza a piques de espertar do letargo invernal, son realmente espectaculares.

Pois ben, este restaurante, "A Boega", que acolle o Pazo de Outeiral, do século XVII e que conta ademais cunha hospedaxe, vainos servir de acubillo para o xantar, que a toque de campaíña, nos ofrece a miña dona Carmen, recentemente xubilada, en agradecemento pola festa, que con tal fin, a obsequiaron os seus amigos.

Mais, antes do ágape, demos unha camiñata pola resío e por algunhas dependencias do Pazo, agardando a hora de apertura do salón-comedor; Neste deambular, un tanto desordenado da comitiva, foron pasando ante a nosa ollada: A Capela do Pazo, cunhas moi ben conservadas paredes revestidas de azulexos, en tons brancos e azuis, nas que se representan escenas relixiosas, un coidado retablo con columnas salomónicas alberga varias imaxes, cadeiras para axeonllarse e unha bonita lámpada completan a pequena, mais coidada, estancia. Á saída requiriu a nosa atención unha canle de auga que facendo unha inclinada caída a través dunha pétrea construción, alimenta un lavadoiro e un pío, moi grande, para beber o gando ou quizais para almacenar auga para regar; canle que ten a posibilidade de desviarse para facer xirar un rodicio de muíño, neste intre inactivo. Deseguido saímos a un camiño que bordea o Pazo, onde un letreiro nos avisa de que nos atopamos no camiño portugués de peregrinos a Compostela, aproveitamos para observar como a condución de auga, cruza en altura esta vía formando un pequeno, mais fermoso, acueduto. De volta ao Palacio batemos cun patio cadrado, chafariz central e unha dobre escaleira que da acceso á parte alta, con columnas, e cuberta por tres dos seus lados. Dúas fermosas plantas ornan o patio a cada un dos lados da escaleira. Aquí, sobre os chanzos, fixemos dous retratos con pose tipo américana, por unha banda as mulleres: Ánxeles, Carmen, Dolores e Celia e pola outra os homes: Xosé Manuel Bermúdez, Peregrino, Xosé Manuel López, e quen deixa constancia dos feitos -Rafa-.

Saímos de novo á veiga, onde pasamos uns minutos departindo sobre o lugar, paseando a carón das piscinas, facendo comentos sobre as árbores froiteiras: laranxeiras e limoeiros cargadas de froito, as ameixeiras apuntando as primeiras flores, os pinos, os arbustos, as abundantes camelias, os bancos para tomar a sombra e descansar en diferentes zonas do recinto, o campo de tenis... Pero botamos de menos os paxaros e as aves que puideran aledar cos seus trilos e beleza e encher de vida tan vasto espazo, quizais se atopen moi ocupados coa costrución dos niños ou chocando os ovos. A saber?

rafadcg@r.gal

4/03/2017