NA BOEGA(2)

Logo do paseo, en mediodía tan apracible, e próxima a hora do xantar, fómonos achegando á antesala do comedor onde debiamos de agardar a orde de entrada. Dúas antecámaras ofértanse aos comensais: Unha, nada máis subir as bonitas escaleiras que nos deixan na recepción e outra, ao seu carón, que da acceso aos servizos. Unha vez aquí, e mentres uns facían uso dos lavabos, outros charlabamos en grupos, observabamos o mobiliario, comentando aquilo que máis nos sorprendía da decoración e dos complementos. Ambas estancias, con mobles de época, presentábanse moi señoriais. Na máis afastada do comedor: vitrinas con algúns obxectos de colección moi interesantes entre as que podo lembrar unha ateigada de campaíñas, outra con lembranzas e galanos de persoeiros que por aquí pasaron, unha exposición de cadros dun pintor actual, etc. Na outra sala, presidindo a dependencia, unha lareira co seu fogo acendido; moi preto, unha mesa rectangular de madeira, cunha gran bandexa circular abarrotada de revistas e circundada por un tresillo, formaban un aparte. Esta estancia ten continuidade con outros sofás que se orientan cara unha das portas con balcón e onde preside un televisor: mobles, cadros, alfombras, apliques, un gran tapiz pendura dunha das paredes, piso e teito, ambos de madeira, algunha planta, as paredes caleadas e con resaltes, bastante artísticos, en pedra nas portas e nas xanelas... Compoñen a estampa deste acolledor lugar. Un pequeno espazo cunha fiestra, no que destaca un piano, guíanos ata o salón comedor.

Unha vez dentro, e con mesa reservada, fomos consultados sobre as bebidas. Deseguido, colócase sobre unha fermosa mesa central, con floreiro incluído, o primeiro prato, sendo requerida a presencia dalgún homenaxeado ou voluntario para tocar a campaíña que indica, logo dun aplauso, o comezo do xantar e o autoservizo. Este ritual vaise repetindo ao longo do segundo prato, terceiro e sobremesa.

O cadrado salón-comedor, cun bonito teito de madeira do que pende unha fermosa lámpada loce, no centro da maxestosa parede principal, unha lareira na que se estaban a consumir unhas achas que proporcionaban un tempero ideal ao recinto. Este fogón flanqueado por dúas figuras relixiosas, de considerable tamaño, embutidas cada unha en súa fornela de pedra e dúas portas vidreiras con contras de bela madeira, media parede de azulexos de cores amarelas e azuis, nos que aparecen representados floreiros, facianas e figuras, o resto da parede caleada de ocre, uns apliques, aquí e acolá, conformaban o fronte da peza. No resto dos lados repetíanse os mesmos elementos, agás, a cheminea e os santos, que na parede oposta foron substituídos por unha última cea, de pequenas dimensións, non moi acorde co resto da estancia.

En tal ambiente, con moita ledicia, animada leria, algunha que outra anécdota, a lectura dun escrito sobre "O Hórreo", achegámonos aos cafés, que puxeron fin á esta xornada tan especial e distinta en Pazo tan singular.

rafadcg@r.gal

4/03/2017