NEIRA VILAS

Tal día coma hoxe, van alá dous anos, falecía Xosé no seu pobo natal (Gres) no Concello de Vila de Cruces.

Coñecín a Neira Vilas o 21 de abril de 2013, cando fun invitado ao Colexio San Xoán Bautista de Cerdedo, -Centro no que desenpeñei o meu labor docente anos atrás ao longo dun lustro-, no día en que, el, visitou esta Agrupación Escolar por primeira vez. E digo que o coñecín ese día, por ser a data na que puiden saudalo, souben en primeira persoa da súa proximidade aos alumnos en particular e á xente, ao pobo, á súa tribo, en xeral, descubrín a súa humildade, a súa sinxeleza, admirei a súa calma, paciencia, sosego... Coma querendo alongar o tempo, gozalo... Que ledo se amosaba na compaña do alumnado, escoitando o que para el prepararan e tendo unha palabra agarimosa e unha mostra de cariño para todos eles..., de estar, eu, en idade escolar e ter vivencia semellante, ese intre, de seguro, que sería inesquecible, como penso que así será para os nenos que alí o recibiron. Arrobas de paciencia á hora de asinar e dedicar as moitas obras súas que se lle solicitaron.

Comecei dicindo que en tal día o coñecín, máis el e a súa obra acompañáronme ao longo de moitos anos de profesión. As miñas clases de Lingua Galega, segundo para que cursos e en que época, comezaron en moitísimas ocasións coa lectura dalgún pequeno texto, dunha obra súa, que a modo de introdución, nos servía para mellorar o vocabulario, traballar a expresión oral, fomentar a capacidade de atención, desenvolver a lectura, normativizar o texto, etc. Así fomos achegando ao alumnado ao longo dos anos obras como: Lar, O Cabaliño de buxo, Cartas a Lelo, Pan, Nai, por citar algunhas.

Agardamos, na entrada do Colexio, alí se presentou do brazo da súa sobriña, que o acompaña nas súas saídas e do seu bastón: calmo, saudou sen présa, con afecto a cada un..., revirouse, contemplou o Monte Seixo que preside a contorna e falou da fermosura desta terra, da montaña e do val polo que o Lérez vai achegando o seu caudal á capital Provincial. Dixo que nunca estivera alí. Contemplou o cartel de benvida, logo xa na entrada do corredor detívose nos debuxos e textos que percorrían a súa vida e obra, observou unha exposición de libros seus, avanzou deténdose aquí e acolá, para observar traballos dos alumnos, sobre temas como a solidariedade, o amor, a natureza, o compañeirismo, o trato animal etc, que ornaban as paredes do Centro..., finalmente, xa na biblioteca, onde esperaba o alumnado, foi acollido cunha forte ovación. O Director deulle a benvida e proxectouse un vídeo, ao que seguiron preguntas que foi contestando con sabedoría e adaptándose moito á idade do alumnado. Recitáronse poemas de "Cantarolas". Os alumnos regalarónlle un álbum con textos e debuxos de "A marela tarabela" e entregáronlle debuxos persoais con frases de gratitude, así como unha testo cunha planta de amorodo. El agradeceu todos os presentes e deseguido firmou libros. Un xantar, no Centro, cun ameno faladoiro e unha foto nas escaleiras do Colexio, para deixar constancia, puxeron fin a tan entrañable xornada.

Ese mesmo ano, o 25 de outubro, visitei na compaña da miña dona a Fundación que leva o seu nome en Gres (Vila de Cruces). Alí estaba, que amabilidade e sinxeleza a súa. Faleille da visita a Cerdedo, de contado se lembrou, díxome: "Liches o escrito que mandei ao Correo Galego", da miña visita a Cerdedo?, titulado: "De todo un pouco: Agarimo en Cerdedo". Como eu contestara que non sigo a diario O Correo Galego..., indicou á secretaria que nolo imprimira, mágoa que non se me ocorrera, naquel intre, que mo asinara. Aínda así, gárdoo coma un pequeno tesouro dentro do seu libro, "Querido Tomás", que si aparece adicado e firmado o día que nos acompañou en Cerdedo: "Para Rafael, do seu amigo". Xosé Neira Vilas.

Hoxe, dous anos despois do seu pasamento, a súa figura, tanto intelectual como humana, fáiseme máis grande e quero lembralo neste segundo aniversario. Agardando para El, dentro duns anos, unhas Letras Galegas das que é merecente. Mentres intentarei, un ano destes, visitar de novo a Fundación que leva o seu nome e achegarme ao camposanto de Gres, onde repousa na compaña da súa dona, a cubana, tamén escritora, Anisia Miranda, preto da que foi a súa casa natal.


rafadcg@r.gal

27/11/2017