NO DÍA DAS ARTES GALEGAS 2025
ISAAC DÍAZ PARDO (1920-2012)
Cando se cumpren 10 anos da primeira celebración do DÍA DAS ARTES GALEGAS, a Real Academia das Artes, homenaxea e celebra a creación e o exemplo ético, neste, 1º de abril de 2025, na figura de Isaac Díaz Pardo (pintor, ceramista, deseñador, editor, empresario, creador de moitos proxectos culturais...), cun acto central que tivo lugar no Teatro Principal de Santiago de Compostela, cidade na que naceu o homenaxeado.
Unha rúa de Compostela leva o seu nome e, tamén en Santiago en 2012 se inaugurou na Alameda unha escultura dedicada a el, obra do escultor César Lombera, cunha placa que reza un texto propio seu: "Santiago é a cidade que se configurou como centro de todo Galicia e na que meu pai me gravou na testa unha estreliña forxada na irmandade da luz e da liberdade".
O acto de Santiago abriu un ano dedicado á súa persoa con actividades que se irán desenvolvendo ao longo del e nos que se tratará de poñer en valor o seu legado. No emotivo discurso do seu fillo titulado: "Isaac Díaz Pardo e as formas que xorden da memoria", realizou unha viaxe pola súa traxectoria vital e creativa. Apuntounos que, aprendeu do Pai os segredos do debuxo e a pintura e as bases cívicas republicanas e galeguistas que foron da súa man toda a vida. No seu percorrido pola vida do pai nomeou e glosou:
- Os carteis para o plesbicito do Estatuto de Autonomía de Galicia.
- A fundación de Cerámicas do Castro.
- A estancia en Bos Aires.
-O reencontro con Seoane e a restauración da Cerámica de Sargadelos.
-O Museo de arte Galego Carlos Maside.
-A nova factoría de Sargadelos.
Tamén interviñeron no acto:
-Manuel Quintán Marleto (Presidente da RAGBA)
-José López Campos ( Conselleiro de Cultura).
- Goretti Sanmartín (Alcaldesa de Santiago)
A homenaxe continuará ao longo do ano cunha exposición, no mes de xuño, no Museo de Belas Artes de A Coruña, baixo a epígrafe: "A barca de Caronte". Ademais de simposios, conferencias e roteiros neste ano seu. Tamén será editado un libro e repartido por todos os Centros de Ensino de Galicia.
Citarei aquí algúns traballos da súa inmensa e variada obra:
PICTÓRICA, Fíxenme pintor por aquilo de que non tiven máis remedio:
- O DISCURSO (1947), Museo de Belas Artes de A Coruña.
-RETRATO DE UXÍO CARRÉ ALVARELLOS
-AS TRES GRACIAS (1941) Óleo sobre lenzo, Colección ABANCA.
-ADÁN E EVA (1962) Colección particular.
-AUTORRETRATO (1947).
-O XUÍZO DE SALOMÓN (1945).
-RETRATOS DO PINTOR MIRAMONTES E DE MARÍA ANTONIA DANS.
etc.
ILUSTRACIÓNS:
-XENTES QUE CONTEÑEN A IRA (1973).
-CARTEL PARA A CAMPAÑA DO ESTATUTO DE AUTONOMÍA (1936)
etc-
DESEÑOS:
XERRA DA SERIE OS VICIOS.- Porcelana do Castro, ano 1950.
MULLER CON TRASTOS NA CABEZA (1965).- Cerámica Sargadelos.
Tamén aportou: Teatro, ensaio, artigos en xornais etc.
Nota: É a terceira vez que, no blog, me ocupo da figura de Díaz Pardo, con esta nova achega pretendo que sirva de complemento das anteriores.
rafadcg@r.gal
1/04/2025