NO DÍA DAS LETRAS

Sobre un fondo de escena da que penduraban os escudos de España, no centro, flanqueado polos de Pontevedra e o da RAG, coa compaña da bandeira da Comunidade por una banda e o anagrama da Rea Academia da Lingua pola outra , formouse a mesa presidencial: Presidente da Xunta de Galicia -Sr. Nuñez Feijoo-, Presidente e Secretario da RAG, o académico Torres Queiruga, e, as dúas Académicas, Marilar Aleixander e Fina Casalderrey encargadas, xunto co Académico Xesús Alonso Montero, que ocupaba una cadeira de brazos lateral a carón doutros membros da Institución, de disertar sobre a figura homenaxeada neste ano 2018: María Victoria Moreno Márquez.

Flores azuis e brancas, simbolizando as cores da nosa bandeira, daban colorido ao escenario, no que máis preto da audiencia, un atril, ataviado cunha fotografía da homenaxeada, e moito máis achegado ao público, servía de mesado inclinado aos oradores. Á beira deste púlpito os discursos eran interpretados, con linguaxe para xordos por unha parella de mozos vestidos de negro, que se ían alternando -agora un, logo a outra,- no que se me antolla unha cansada misión.

Este éra o aspecto que amosaba o Teatro Principal de Pontevedra, neste 17 de maio de 2018, para homenaxear a esta estremeña, mais pontevedresa de adopción, dende que en 1963 -e logo de ter moita relación, na infancia con Segovia, Barcelona nos anos de bacharelato e Madrid onde cursou estudos universitarios- se asentou nesta cidade como ensinante, dinamizadora cultural, escritora e se comprometeu coa nosa lingua. Aquí na Comunidade Galega, desempeñou dous anos de docencia en Lugo, (onde coñeceu a un dos oradores deste día: o profesor Alonso Montero, que tanto debeu ter influído nela), e en varios Institutos da capital Provincial -Pontevedra-, onde residiu ata o seu falecemento en 2005, e, no de Vilalonga.

Esta foi a primeira vez, que asistín ao acto Institucional da Academia nunhas Letras Galegas; e sentía verdadeiro degoiro de facelo, pois cando se celebraron outras Letras Galegas, tan preto, como foron as dedicadas a Filgueira Valverde, director do Instituto e profesor meu naqueles anos do Bacharelato, non puiden acudir.

Coñecín a María Victoria naquel primeiro curso de Especialidade de Galego, celebrado na Cidade do Lérez ao longo de 1984, onde ela nos impartiu literatura galega e onde puiden constatar o fervor e o cariño que profesaba á nosa lingua e o entusiasmo con que desempeñaba o seu labor docente.

Non vou falar do acto institucional en si, que me pareceu moi brillante pola calidade dos oradores, nin das agarimosas palabras do presidente da RAG, Victor Fernández Freixanes, compañeiro meu de aula naqueles anos do Instituto, cara os familiares da homenaxeada: fillos, irmáns, viúvo, neta Victoria...Algúns chegadosdesde diferentes lugares para asistir a este recoñecemento..., recalcarei, non obstante, a énfase que puxo, en involucrar á sociedade, traballando, sobre todo cos máis novos, non no coñecemento da Lingua, que se dá por descontado que cada día é maior, senón en buscar fórmulas que leven a un maior emprego e compromiso no uso de tan fermosa ferramenta de comunicación.

Tamén fixo pedagoxía, cando explicou os baremos que a Academia emprega na forma de levar a cabo cada nova designación do homenaxeado, pondo de relevo os moitos factores que se teñen en conta por parte dos Académicos á hora de facer una nova designación, e tendo en conta o gran número de candidatos. Isto pareceume moi interesante para evitar disputas, en moitas ocasións políticas, sobre unha ou outra figura designada.

En fin unha mañá, interesante, que engadiu una nova experiencia ao meu saco cultural. Por certo, á saída fomos agasallados cun libro titulado "O escalón de Ulises" de Monse Fajardo: Nunha das súas solapas di: "non midades tanto a métrica e medide os sentimentos do poeta" seica dicía María Victoria. Eu dígovos: "non midades tanto os actos de tal ano dedicado á Mestra e valorade máis as súas actitudes"


rafadcg@r.gal

17/05/2018